
Love Hotel
Rabu hoteru ラブホテル
Minori Terada, Kiriko Shimizu, Noriko Hayami, Nobutaka Masutomi, Rie Nakagawa
- 88 min.
Tetsuro Muraki espera unha prostituta no seu cuarto de hotel. A súa pequena empresa editorial entrou en bancarrota, a yakuza atacou a súa muller e el ten a intención de morrer e de levar consigo a vida da súa acompañante. Esta pequena obra mestra, na que Shinji Sōmai fai a súa particular e melancólica incursión no roman porno da Nikkatsu, móstranos entre os neóns da cidade o encontro entre un home e unha muller que tentan construír unha nova vida á vez que seguen atrapados no seu pasado.
*Non recomendada para menores de 18 anos (contido erótico).
Imaxe ©1985 NIKKATSU Corporation
- Ano:1985
- Países de produción: Xapón
- Guión: Takashi Ishii
- Fotografía: Tadashi Miura, Katsuji Oyamada, Noboru Shinoda
- Montaxe: Isao Tomita
- Produtora(s): Nikkatsu, Director’s Company
-
Crítica do filme
Rouven Linnarz (Asian Movie Pulse, en inglés)
Escena do filme
Subtítulos en portugués
Sōmai proba co roman porno
A comezos dos setenta, a Nikkatsu, unha das grandes produtoras de Xapón, vía con preocupación como as súas películas de yakuzas, que modernizaran o xénero nas décadas dos cincuenta e sesenta, mostraban xa claros síntomas de esgotamento. Souberon ver que o sexo e a violencia máis explícita daban os seus froitos nas vendas de entradas, e así tentaron achar outra fórmula xeradora de iens. Atopárona no roman porno, o que definiron como “pornografía romántica”, non moi afastada do porno narrativo do que tamén facían gala as fitas americanas nas súas diversas variantes de exploitation.
Se algo caracterizou o roman porno con respecto ás súas primas occidentais foi, na tradición erótica de Xapón, o seu catálogo de perversións, ás veces de categoría sobrenatural. O uso de anguías ou polbos con fins extraculinarios ou as violacións a mulleres, sempre filmadas como obxecto de desexo masculino, están á orde do día nestas producións. As mellores son capaces de ir alén da simple obscenidade para retratar, a través destas condutas sexuais violentas, os males da sociedade nipoa.
Love Hotel é unha delas. Aínda que se inicia cun acto de violación que acabará por unir unha improbable parella, o que interesa a Sōmai é sobre todo a dinámica que se establece despois entre ambos protagonistas, o que deixa ao descuberto os seus desequilibrios emocionais, cun ton máis próximo ao dun melancólico melodrama que ao dunha película erótica. Temas como as relacións tóxicas ou o suicidio trátanse sen filtros nun roman porno a contracorrente e preocupado por filmar o acto sexual cun certo barroquismo estético moi afastado da pobre media destas producións.