
P.P. Rider
Shonben raida / ションベン・ライダー
Tatsuya Fuji, Michiko Kawai, Masatoshi Nagase
- 117 min.
En P. P. Rider Sōmai volve dar o protagonismo a uns estudantes de secundaria. Bruce, Jojo e Jishō están fartos de sufrir o líder da cuadrilla de abusóns do seu barrio, Debunaga. Xusto cando ían vingarse de Debunaga, este é secuestrado diante deles por homes que parecen da yakuza. Coa intención de cambiar a súa sorte, os tres deciden rescatar a Debunaga. Na súa terceira película, Sōmai constrúe un seishun eiga no que fai gala dunha gran variedade de recursos estilísticos e do seu particular sentido do humor.
Imaxe ©1983 Kitty Film
- Ano:1983
- Países de produción: Xapón
- Guión: Takuya Nishioka, Chieko Schrader, Leonard Schrader
- Fotografía: Akihiro Itô, Masaki Tamura
- Montaxe: Akira Suzuki
- Produtora(s): Kitty Film
A cuadrilla contra a mafia
Continuando na liña do seu exuberante Sailor Suit and Machine Gun, o próximo proxecto de Shinji Sōmai, P. P. Rider, centrouse nunha cuadrilla de tres rapaces que se meten en leas coa policía e coa yakuza para tentar rescatar outro neno que foi secuestrado pola mafia por erro. Producido de maneira independente, Sōmai leva a maiores extremos, se cabe, a súa proposta, con rodaxes complicadas nas rúas, longos planos secuencia e o traballo con actores mozos non profesionais. Más crúa no estético que a súa predecesora, pero tamén máis despreocupada e libre, P. P. Rider está considerada polos expertos unha pequena xoia do subxénero. Con todo, o seu realizador renegaba da montaxe que sobreviviu, xa que a versión que el editou achegábase ás catro horas, pero tivo que ser reducida para que Toho puidese distribuíla nun programa dobre. A pesar da tesoira, a xovialidade que transmite Sōmai e a súa cuadrilla moza está sempre presente nunha fita con selo propio.