
Sailor Suit and Machine Gun
Sera fuku to kikanju / セーラー服と機関銃
Hiroko Yakushimaru, Tsunehiko Watase, Rentaro Mikuni
- 130 min.
Na súa segunda longametraxe, Sōmai adapta con mestría a popular novela de Jirô Akagawa. Este gran éxito dos 80 preséntanos a Izumi, unha estudante de instituto que se converte na cuarta xeración de xefes dunha familia yakuza tras a morte accidental de seu pai. Un día, un detective aparece na súa porta e pregúntalle se ela sabía que o seu pai estaba involucrado no tráfico de droga. Tras isto, Izumi e a súa banda tópanse con moitos problemas…
Restaurada por Kadokawa Corporation a partir do negativo orixinal de cámara.
Imaxe ©KADOKAWA CORPORATION 1981
-
Shinji Sōmai - Ventos de xuventude
Sailor Suit and Machine Gun
Versión lingüística:VOSGFormato:DCP
- Ano:1981
- Países de produción: Xapón
- Guión: Jirô Akagawa, Yôzô Tanaka
- Fotografía: Seizô Sengen
- Montaxe: Akira Suzuki
- Produtora(s): Kadokawa, Kitty Film
-
All Too Real: The Films of Shinji Sômai
Patrick Preziosi (MUBI: Notebook)
Trailer edición en BR Reino Unido
Subtítulos en inglés
Montaña rusa de xéneros populares
Seguramente esta Sailor Suit and Machine Gun sexa a película máis enerxética na carreira toda de Shinji Sōmai. Parte da idea tan disparatada dunha adolescente que herda por casualidade a presidencia dun clan de yakuzas vindo a menos. Enleada sen querelo nunha conspiración que involucra diversas familias á caza dun alixo perdido de cocaína, o guión utiliza o macguffin desa procura do “tesouro” perdido para transitar entre xéneros de forma aloucada. Cada nova secuencia é unha sorpresa de proporcións maiúsculas, que axiña instala o espectador nunha surrealista viaxe ao inesperado.
Este cadáver exquisito de tolemias, moi na liña da inconexa Hausu (1977) de Nobuhiko Obayashi, que catro anos antes marcara o camiño das producións para adolescentes co seu desmesurado éxito, non ten nin a máis mínima intención de presentar unha historia crible, pero nin falta que lle fai. A forza das interpretacións e do seu estilo logra que esta amálgama de ocorrencias funcione como exercicio posmoderno de deconstrución dos xéneros da yakuza, o fantástico e o seishun eiga.
Sōmai divírtese e próbao todo: distorsións visuais, estrañas angulacións, planos secuencia inusitados, fragmentos abstractos… Engádase a isto unha dirección de arte sen medo ao ridículo por parte de Yoshinaga Yoko'o e temos veredicto: Sailor Suit and Machine Gun séntese como unha jam session que vai mudando de sensacións a un ritmo frenético. Absoluto gozo do artificio.