
Kaza-Hana
風 花
Kyoko Koizumi, Tadanobu Asano, Kumiko Aso, Akira Emoto
- 116 min.
Yuriko decide ir visitar a filla, a quen deixou anos atrás na súa vila natal en Hokkaido cando se mudou a Toquio. Sawaki, un mozo funcionario, está baixo arresto domiciliario tras roubar nun ultramarinos mentres estaba bébedo. A pesar diso, decide acompañar a Yuriko nunha viaxe tras a que ningún dos dous espera ter onde volver. Shinji Sōmai, na que sería a súa última película, xoga coas nosas expectativas sobre estes personaxes mozos ao límite, mentres retrata maxestosamente a paisaxe de Hokkaido como brillante escenario.
Imaxe ©Be-WILD/TV Asahi/TOKYO FM
- Ano:2000
- Países de produción: Xapón
- Guión: Raimi Mori, Sho Narumi
- Fotografía: Hiroshi Machida
- Montaxe: Yoshiyuki Okuhara
- Produtora(s): Be-WILD, TV Asahi, TOKYO FM
O coche e os seus retrovisores
Son as road movies películas de viaxes físicas e espirituais, onde os seus protagonistas habitualmente foxen dun pasado traumático. Kaza-Hana entra sen dúbida nesta categoría. A súa orixinalidade estriba na maneira en que Sōmai executa uns flashbacks que se van dosificando aos poucos. Yuri e Sawaki acordan xuntos ao acubillo dunha gran cerdeira en flor. A paisaxe é Hokkaido, a principal illa ao norte de Xapón, famosa pola súa neve (e a cervexa da súa capital, Sapporo, que Sawaki non deixa de beber). É de feito o abuso etílico o que levou a esta estraña parella alí, sen lembrar ben como chegaron a ese lugar. Ambos están embarcados nun traxecto en coche a ningures, perdidos. O espectador tamén. Sōmai dispón os elementos para trasladar ese mesmo grao de confusión que senten os protagonistas. Conforme avanza a trama, as pezas irán encaixando e a identidade de ambos, as súas motivacións, quedarán resoltas. Kaza-Hana non é só unha singular road-movie, tamén é un filme romántico impregnado dunha punxente melancolía. Sería a última obra do seu realizador, pouco antes falecido por cancro con só 53 anos.