Sandra Hüller: anatomía dunha actriz
Do 7 de xaneiro de 2025 ao 22 de xaneiro de 2025
Sandra Hüller irrompeu no panorama internacional en 2023 con dúas películas, Anatomía de una caída (Justine Triet, 2023) e La zona de interés (Jonathan Glazer, 2023) que chegaron a ser grandes protagonistas nos Óscars. Pola primeira foi nomeada. Pola segunda gañou varios premios de sociedades de críticos en América do Norte sen mediar palabra en inglés. Ambas, con personaxes que están nas antípodas, un coas emocións a flor de pel, noutro facendo gala dunha contida frialdade, daban boa conta da súa versatilidade.
Triet xa confiara nela no seu anterior filme, El reflejo de Sibyl (2019), para dar vida a unha sorte de alter ego seu na ficción, interpreta unha directora de cinema que perde o control da súa rodaxe e da súa vida. Ambos proxectos comparten máis do que puidese parecer a simple vista, ao cabo reflexionan, partindo de diferentes xéneros cinematográficos, sobre as dinámicas de poder na parella e na contorna familiar máis próxima.
Hai que dicir que estas actuacións con Triet son en inglés e francés. Hüller é de orixe alemá e é nesta lingua na que desprega o seu verdadeiro arsenal de recursos dramáticos. Requiem (Hans-Christian Schmid, 2006) foi o seu papel revelación, o que lle abriu as portas da industria teutoa; destaca en multitude de papeis, sobre todo secundarios, durante anos. Pero é o seu rol principal en Toni Erdmann (Maren Ade, 2016) o máis lembrado en lingua xermana. Esta pequena escolma reúne algúns dos títulos máis destacados dunha das actrices máis importantes do momento a nivel internacional.