ROSS MCELWEE
Do 1 de marzo de 2012 ao 30 de abril de 2012
En colaboración con Play-Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui e IVAC-La Filmoteca de Valencia.
O cineasta estadounidense Ross McElwee (Charlotte, Carolina do Norte, 1947) elabora ao longo da súa obra -en esencia unha decena de títulos- un rigoroso e suxestivo diario fílmico, un prolongado relato en primeira persoa inzado de ramificacións. Convertido nunha das voces que desde os anos 70 rachan coa tendencia do cine directo –a súa aparente falta de mediación-, McElwee contribúe á renovación da non ficción. A súa obra obtén o beneplácito de crítica e público, nomeadamente a partir da mestura de enxeño e confesionalidade de Sherman’s March (1986), premiada en Sundance. Á inmediata satisfacción da estrea normalizada en salas de cine dos seus traballos únese a súa brillante faceta académica, profesor en Harvard.
A subxectividade, a combinación de dispositivos narrativos de diversa procedencia -unha hábil mestizaxe que valida (e sutilmente subverte) clasicismo, tradición de corte observacional e filme doméstico-, a itinerancia na que transforma os seus filmes, o autorretrato irónico establecido e o interese polos procesos mesmos de filmación orixinan unha concentrada e moi persoal traxectoria, marcada por títulos como Six O’clock news (1996), Bright leaves (2003) ou o máis recente Photographic Memory (2011), estreado en Venecia, onde artella un emotivo discurso sobre o (paso do) tempo e a historia das imaxes e a materia fílmica, entrando inclusive no debate dixital/analóxico.
Cualificado de Woody Allen do cine documental, autodenominado “Monet cunha cámara de cine”, dono dunha cámara corpo e influído polo escritor John Hawkes, partidario da transmisión da experiencia persoal na obra artística, McElwee, como un xamán narrativo, tece relacións e interaccións nunha performatividade do subxectivo que contribúe tamén cunha veta ensaística, un diálogo co mundo cheo de reflexión, introspección e liberdade formal.
Agradecementos: Ross McElwee, Marie-Emmanuelle Hartness, Víctor Paz.