Rino Lupo
Do 14 de novembro de 2019 ao 22 de novembro de 2019
Nacido en Roma en 1884, Rino Lupo comezou a súa carreira en París, en empresas como Pathé, Gaumont ou Lux. Nesta última realizou as súas primeiras películas, antes de se trasladar a Berlín. En Dinamarca realiza a súa primeira longametraxe, Slør-danserinden (1915). En Moscova e Varsovia traballa como director e actor. Desencantado coa mala recepción da súa obra en Polonia, decide partir para Portugal, que daquela vivía o comezo da súa produción cinematográfica. Alí volve a establecer escolas de actores, en Lisboa e no Porto, e en 1922 realiza Mulheres da beira para Invicta Film, mais é despedido da que era considerada a maior produtora de cine portuguesa a comezos da década de 1920 polos seus dirixentes que, segundo M. Félix Ribeiro, non verían con bos ollos a ausencia de organización e planificación previa á rodaxe por parte do cineasta. Curiosamente, estas foron as características máis valoradas polos primeiros historiadores do cine portugués.
Os lobos, realizada un ano despois, para unha produtora fundada ex profeso para esta película, foi considerada por Félix Ribeiro como “a máis fermosa xoia que a cinematografía portuguesa do cine mudo ten para mostra e para destacar con dignidade.” Despois de Os lobos, Lupo procede a un interregno madrileño e realiza Carmiña, flor de Galicia (1926), rodada en Galicia como remake de Mulheres da beira. De regreso a Portugal, Lupo volve á realización, mais as súas películas seguintes non serían tan ben recibidas coma as primeiras.
Na década de 1930, Rino Lupo continúa o seu percorrido por Europa en busca de condicións para continuar traballando, ao tempo que tenta adquirir coñecementos para se adaptar mellor ao sonoro. En Berlín participa como actor na versión italiana do filme alemán Paprika, de Carl Boese, en 1933. Tres anos despois morre en Roma vítima dunha pneumonía (fragmentos do libreto que acompaña a edición da Cinemateca Portuguesa do DVD Rino Lupo. Mulheres da beira/Os lobos)
Agradecementos: Pedro Lino, Ukbar Filmes; Sara Moreira/Cinemateca Portuguesa.
Coa colaboración de