Play-Doc: Leon Hirszman
Do 18 de xuño de 2024 ao 27 de xuño de 2024
Á hora de abordar movementos cinematográficos como o Cinema Novo brasileiro, a cultura fílmica tende a simplificar en exceso. Como moito, os cinéfilos coñecen algunha das figuras clave máis celebradas, tales que Glauber Rocha ou Nelson Pereira dos Santos; un personaxe de talento como Leon Hirszman pode acabar marxinado, sobre todo dado o xa fuxidío recoñecemento de que goza este movemento no estranxeiro.
O Cinema Novo concibiuse como unha intervención na sociedade e no cinema brasileiros mediante unha postura de unidade dos realizadores máis novos e ten un espírito máis colectivo que a maioría das novas ondas dos anos 60. Hirszman, en moi gran medida, estaba integrado no núcleo duro: a súa primeira curta, Pedreira de São Diogo (1962), formaba parte da película Cinco vezes favela, pensada como tarxeta de visita dos realizadores emerxentes vencellados a ela; a que lle seguiu, Maioria absoluta (1964), arredor do analfabetismo no Brasil, desempeñou un papel fundamental no movemento, ao impregnarse do cinema directo para abordar os males sociais do país; e a súa segunda longametraxe, Garota de Ipanema (1967), inspirada nese clásico da bossa nova, constitúe un dos primeiros e tímidos intentos do director por chegar a un público máis amplo.
Mais Hirszman sempre andou un pouco descompasado e a súa filmografía é moi dispersa: catro longametraxes de ficción, uns poucos documentais (algúns estreados de xeito póstumo) e unha serie de curtametraxes, nalgúns casos referentes á música brasileira, como a magnífica Partido alto (1982). Os filmes máis apreciados dos que fixo (São Bernardo e Eles não usam black-tie) saíron nos 70 e 80, despois de ir remitindo o interese que amosaban no estranxeiro por este movemento. Cando Abraccine, a principal asociación brasileira da crítica cinematográfica, realizou unha enquisa en 2015 sobre as mellores películas do país, esta última quedou no posto 14º e a primeira, no 20ª. Eles não usam black-tie (1981) valeulle por fin un triunfo ben considerado entre o público (máis un Premio Especial do Xurado en Venecia), pero Hirszman non tivo ocasión de o consolidar: faleceu de sida en 1987 á idade, demasiado temperá, de 49 anos.
Cinco Vezes Favela foi producida polo Centro Popular de Cultura, organización comunista da que Hirszman, afiliado ao partido, foi un dos fundadores clave. Pedreira de São Diogo, malia non escapar á mistificación condescendente que fai a película do concepto «o pobo» , constitúe un dos seus mellores títulos, con esa súa agudeza visual e a fina montaxe, e a obsesión coa morte e a carga psicolóxica amósanse como en ningún outro dos seus filmes. Nos traballos de ficción posteriores de Hirszman, a mestura de Marx e Freud sería unha constante; a este respecto, poden observarse fortes paralelismos entre as súas películas e as de Marco Bellocchio, e a súa obra, de certo, apunta a unha fonda influencia do cinema político italiano.
A súa primeira longametraxe, A falecida, xira arredor dunha muller obsesionada cos preparativos do seu propio funeral. Hirszman pasa por alto, en xeral, a escura sátira social do autor Nelson Rodrigues —o sentido do humor non é un dos seus fortes—, ao tempo que esaxera a obsesión da protagonista, con toda a súa perturbadora morbosidade, outra constante na súa filmografía. Pola súa banda, Garota de Ipanema é, en teoría, unha comedia musical pensada para o mercado xuvenil, mais convértese nun estudo social dun tipo humano e do medio en que se move. A pesar da magnífica banda sonora e das moitas aparicións especiais de artistas en números musicais, adopta un enfoque amargo e a Hirszman acusárono de prosmeiro intelectual, mais ese afastarse da lixeireza para se achegar a un abismo emocional parece agora unha das súas mellores apostas.
Nos comezos da década de 1970, cando a percepción que había del era a de que se trataba, máis que dun cineasta, dunha importante figura de fondo, por fin conseguiu que as súas obsesións pagasen a pena, grazas a São Bernardo (1972). Esta adaptación dun título do autor marxista Graciliano Ramos constitúe un agudísimo retrato psicolóxico dun terratenente que vai triunfando na vida e fai da propiedade de lugares e persoas a súa única obsesión. Durante 105 minutos, Hirszman encerra os espectadores na perspectiva deste home tan antipático, sen marcar distancias.
A finais da década de 1970, o Brasil, en plena ditadura militar xa de longa data, viuse sacudido por unha sucesión de folgas convocadas na importante rexión obreira de ABC, en São Paulo, que volveron poñer a problemática laboral no primeiro plano e lle deron proxección ao seu líder, o futuro presidente Luiz Inácio «Lula» da Silva. Foi Hirszman quen o filmou todo, e moitas das famosas imaxes do mozo Lula xurdiron da súa lente (ABC da greve saíu por fin en 1990).
Tivo a inspiración de facer unha posta ao día dunha obra de teatro de finais dos 50, Eles não usam black-tie, escrita por outro autor comunista, Gianfrancesco Guarnieri (que na película tamén interpreta o pai), e que versa sobre o conflito que se desenvolve entre pai e fillo durante unha folga. O filme tivo unha enorme aceptación popular ao combinar a potente estridencia da propaganda política de Guarnieri coa elaboración do tenro e íntimo retrato dunha familia de clase traballadora. O fillo, que sente un afecto sincero pola súa comunidade mais non pode nin imaxinar a idea de se solidarizar con eles, é unha das maiores creacións de Hirszman e, como en São Bernardo, ponse de manifesto unha profunda comprensión da psicoloxía capitalista. A película, que xorde destes retratos xemelgos do esforzo dunha comunidade por acadar a unión e do individualismo rampante que dificultará cada vez máis esta tarefa, constitúe o principal legado de Hirszman.
Un talento marxinado
por Filipe Furtado