
Pere Portabella
Do 4 de febreiro de 2025 ao 29 de marzo de 2025
Nado en 1927, a carreira de Pere Portabella no campo cinematográfico comeza coa produción de tres das películas que foron máis relevantes na aparición do cinema moderno en España: Los golfos de Carlos Saura (1959), El cochecito de Marco Ferreri (1960) e Viridiana de Luis Buñuel (1961). A súa primeira película como realizador, Non compteu amb els dits (No contéis con los dedos) está datada en 1967.
Un breve resumo da importancia do traballo de Portabella na nosa historia das artes, poderíase deducir mesmo da simple enumeración dalgúns dos principais colaboradores cos que contou para realizar as súas fitas: os pintores Joan Miró e Antoni Tàpies, o poeta Joan Brossa, os músicos Carles Santos e Josep Maria Mestres Quadreny, os escritores Pere Gimferrer e Octavi Pellisa. Por iso, a traxectoria de Portabella, aínda estando centrada no campo do cinema, reborda, con todo, o feito cinematográfico. Constitúe un fío de continuidade histórica, cuxa biografía arrinca nos anos 50, no momento en que reapareceron as vangardas plásticas tras a Guerra Civil (sendo moi novo, mantivo unha relación estreita co grupo catalán Dau al Set). As súas primeiras actividades cinematográficas tiveron lugar no período de aparición do cinema moderno en España. A súa traxectoria proseguiu coa aparición das linguaxes artísticas dos anos 60. Implicouse no clima do compromiso político democrático da cultura nos anos 70. En 1977 foi elixido Senador e participou na Comisión da Constitución de 1978. O seu labor político parlamentario foi recoñecido repetidamente. Durante os anos 80, persistiu nos períodos complicados para o tipo de cinema oposto a obxectivos soamente comerciais. E rexurdiu nos últimos anos, durante os cales Portabella foi obxecto de recuperación museográfica e historiográfica, sen abandonar a práctica activa como realizador e produtor.
Os numerosos recoñecementos que o seu traballo recibiu nestes últimos anos, situaron finalmente a Portabella como unha das figuras máis destacadas da nosa cultura. En 2001, o Museu d’ Art Contemporani de Barcelona (MACBA) dedicoulle unha ampla exposición retrospectiva, acompañada dun libro monográfico con ensaios de máis de 15 autores. En 2002, foi o único artista español incluído na prestixiosa exposición internacional Documenta 11 (Kassel). En 2003, rendeulle unha homenaxe o Centre Georges Pompidou de París. En 2007, foi protagonista dun programa integral de proxección de todas as súas películas no Museum of Modern Art (MoMA) de Nova York, e mais obxecto dun simposio na Universidade de Nova York.
En 2008 foi convidado a filmar na Casa Museo de Federico García Lorca na Huerta de San Vicente (Granada). O filme resultante, Mudanza, foi galardoado en 2009 co Premio Nacional de Cinematografía da Generalitat de Catalunya. Desde 2005 realizáronse en diversas cidades do mundo novas retrospectivas do seu traballo, como na Tate Modern de Londres en 2010. O MACBA, o Pompidou, o MoMA e o Museo Reina Sofía contan con películas de Portabella nas súas coleccións permanentes.
A súa anterior longametraxe foi Die Stille vor Bach (El silencio antes de Bach). Foi estreada no Festival Internacional de Cinema de Venecia de 2007, e obtivo ese mesmo ano o Premio Especial do Xurado no Festival de Cinema de Xixón.
En 2016 presenta no Festival Internacional de cinema de Rotterdam, dentro da retrospectiva dedicada ao cineasta, a súa última longametraxe ata o momento, Informe general II. El nuevo rapto de Europa.
Entre as distincións institucionais que recibiu cóntanse a Creu de Sant Jordi da Generalitat de Catalunya (1999), o Premi Nacional de Cinema da Generalitat de Catalunya (2009), o Premi Gaudí d’ Honra da Acadèmia do Cinema Catalá (2012), a Medalla de Ouro ao Mérito Cultural do Ajuntament de Barcelona (2019), a Palma de Ouro do Festival de Cannes (1961) pola película de Buñuel Viridiana e o Giraldillo de Honor do Festival de Sevilla (2019) en recoñecemento á súa traxectoria.
Recentemente, diversos museos, festivais de cinema e Institucións organizaron proxeccións ou retrospectivas do seu traballo, como Cinemateca Portuguesa (2017), Movie Mutations Zagreb (2019), FICUNAM (2019), Cineteca Nacional México (2019), Whitechapel Gallery e Close-Up (London, 2020) ou Il Cinema Ritrovato di Bologna (2020).
En 2009 foi investido Doutor Honoris Causa pola Universitat Autònoma de Barcelona e en 2022 pola Universitat de Girona. En 2019 Cambridge University organizou un seminario sobre a súa obra.

No contéis con los dedos

Nocturno 29

Aidez l'Espagne

Miró l'altre

Miró la forja

Miró tapís

Play back

Acció Santos

La tempesta

Visca el piano! (No al no)

Vampir-Cuadecuc

Umbracle

La cena

Puente de Varsovia

Mudanza

El silencio antes de Bach
