OLLADAS DE MULLERES NO MUNDO (CREADORAS GALEGAS DE IMAXE) (2015)
Do 3 de marzo de 2015 ao 7 de marzo de 2015
OLLADAS DE MULLERES NO MUNDO (CREADORAS GALEGAS DE IMAXE) En colaboración co Consello da Cultura Galega. Co gallo do Día da Muller Traballadora, un ano máis o Consello da Cultura Galega e o CGAI dedícanlle unha semana da súa programación, un ciclo en que as figuras femininas son as protagonistas. Directoras, guionistas, produtoras, actrices, unha tentativa de amosar outras olladas e perspectivas. Comezamos co único título de directores masculinos, Dos días, una noche, dos irmáns Dardenne, dúas veces gañadores en Cannes. Un filme sobre a muller no ámbito laboral nun contexto de crise. A intérprete principal, Marion Cotillard, acaba de ser nomeada ao Oscar á mellor actriz polo seu papel de traballadora que intenta que os seus compañeiros renuncien á paga extraordinaria para ela conservar o seu posto na empresa. O particular naturalismo dos Dardenne liga con Mil noches, una boda, de Marie Amachoukeli-Barsacq, Claire Burger e Samuel Theis, o retrato dunha muller libre de 60 anos e as complexidades dos afectos e a contorna social. Pola súa banda, Amour fou, de Jessica Hausner, está inspirada na historia do poeta Heinrich von Kleist e a súa procura dunha compañeira para se suicidar en pleno Romanticismo alemán; ambas a dúas achegan senllos retratos femininos con forza. Na sección Creadoras Galegas de Imaxe ofrecemos dous títulos: Muller(es)Muller, de Inés Pintor, producido por SocialDocs, amosa a vida de mulleres dunha mesma familia pertencentes a tres xeracións distintas: as dificultades e diferenzas na educación, na percepción, no papel desempeñado…, e O tesouro de Corcoesto, adscrita ao documental militante e dirixida pola galega Cora Peña. A estes engadimos Se dice poeta, da asturiana Sofía Castañón, que se aproxima a 21 poetas, entre elas tres galegas establecidas na Coruña: Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa e María Couceiro. Estas últimas sesións contarán coa presenza das súas autoras.