New Crowned Hope. O cine visionario de Mozart
Do 1 de xuño de 2007 ao 30 de xuño de 2007
En colaboración co Festival de Cines del Sur de Granada.
Un conxunto de películas procedente dunha orixinal iniciativa pertencente ao Festival de Viena "New Crowned Hope", que baixo a dirección artística de Peter Sellars e aproveitando a celebración do 250 aniversario do nacemento do músico Wolfgang Amadeus Mozart, presentou no ano 2006 unha serie de traballos variados, que ían do teatro á danza, á arquitectura e ás artes visuais na súa máis ampla expresión. No ámbito cinematográfico seis longametraxes e unha curta foron seleccionadas, coa produción executiva de “Illumination Films”, de entre diferentes proxectos, tomando a universalidade de certos motivos temáticos das tres últimas grandes obras compostas por Mozart (“A frauta máxica”, “A clemencia de Tito” e a inacabada “Réquiem”), capaces de proporcionar un conxunto de verdades complexas de expresar: a habilidade para facilitar a transcendencia da morte e o poder da derrota; a transgresión que chega a representar a noción de perdón ou o concepto de clemencia; a necesidade espiritual de certos sentimentos. As películas elaboradas, datadas en 2006, están realizadas por algúns dos cineastas modernos máis estimulantes e proxectáronse nalgúns dos grandes certames mundiais. A pesar dalgúns pases en Gijón, Las Palmas, San Sebastián ou Granada, esta é a primeira vez que se poderá ver o programa completo en España.
Agradecementos: New Crowned Hope, Gabriela Muhlberger, Frank Schwartz, Stadkino Wien (Austria), Simon Field, Illumination Films (Reino Unido), Desiree Markgraaff, Bomb (República Sudafricana), Paul Richer, Pyramide Distribution (Francia), Marit Ligthart, Fortissimo Films (Holanda), Emilio Oliete, Lidia Suárez, Wanda Visión.