Luz no escuro: María Luisa Bemberg e Eva Landeck en compañía
Do 4 de marzo de 2026 ao 5 de marzo de 2026
nosotros no teníamos ganas de morirnos solos
pero capital federal
nos rechazó de su sistema
nosotros no teníamos ganas
pero nos encerramos a vivir juntos
y a quemar sueños debajo del colchón
Martina Cruz, Parkour Emocional, 2023
Eva Landeck e María Luisa Bemberg deron os seus primeiros pasos no cinema mirando dúas décadas que parecen dous mundos aparte: os 60s e o 70s. A partir dos seus primeiros traballos, este programa pensa unha pequena constelación coas películas temperás de algunhes cineastas, estudantes de cinema, que tamén miraron desde España e desde Arxentina esas mesmas décadas.
Bemberg e Landeck teñen algunhas cousas en común: estiveron case practicamente soas no panorama do cinema arxentino da súa época. Vlastah Lah dirixira unha película en 1960, Las furias, logo de décadas de traballo como asistente de dirección nos Estudios San Miguel. Elas foron as seguintes, Landeck 14 anos despois e Bemberg 21. Ambas casaron novas e tiveron fillos. Landeck, de orixe de clase media baixa, deixou cedo os estudos para traballar. Non foi ata que os seus fillos creceron que comezou a estudar fotografía e cinema. A súa filla, Irene Morack, protagonizou El empleo e a súa primeira longametraxe, Gente en Buenos Aires. Fixo dúas películas máis e deixou o cinema. María Luisa Bemberg pola súa banda viña dunha familia acomodada, casou nova e tivo catro fillos. Disto algunha vez dixo: “Hay que tener cuatro hijos para saber que no te alcanzan”. Xa tiña netos cando fundou xunto con outras mulleres a Unión Feminista Argentina, espazo fundamental para o pensamento detrás de Juguetes e El mundo de la mujer.
Eva Landeck atopou nas súas curtas unha forma da tristeza dos mozos dos 60 en Arxentina: a sensación de que o traballo non vale (a mobilidade social que os seus pais tiveran xa non era posible), de que a familia xa non era un desexo senón un destino inevitable, que o amor é unha cousa porosa e que escorrega. A dificultade de armarse unha vida propia no medio da incerteza e o estancamento está no centro destas películas, como nas dunha gran parte do que se chamou a xeración do 60 ou o Novo Cinema Arxentino, pero no caso de Landeck ten un compoñente estraño. A tristeza é un peso que afunde, e no fondo aparece a fantasía como algo case fortuíto, pero que desata mundos máis ricos que este (peores ou mellores non sei, pero máis coloridos). Esa fantasía dálles ás películas un ritmo estraño, case elíptico, e un pouco pesadelesco. As películas de Landeck estarán acompañadas por La brujita, de Cecilia Bartolomé (feito o mesmo ano que Entremés), realizado en segundo ano da Escuela Oficial de Cinematografía. La brujita comparte coas películas de Landeck un gusto polo bordo do fantástico, e as maneiras en que isto pode irromper na vida monótona que unha está obrigada a vivir, neste caso a filla dun viúvo que, como o vilán soft dun conto de fadas, tena recluída, medorento da vocación de bruxa da súa filla.
As primeiras curtas de María Luisa Bemberg son colaxes políticas que pensan na situación das mulleres no mundo. Ambas atopan o seu centro en eventos comúns nos anos 70 en Arxentina, comúns e á vez completamente estrafalarios: exposicións grandes desas que adoitaban facerse en todo o mundo, unha mestura de convención de avances tecnolóxicas e adoutrinamento comercial. En Arxentina estas exposicións tiñan (teñen) lugar no gran predio da Sociedad Rural Argentina, agrupación responsable de boa parte dos nosos problemas e que ocupa unha porción enorme do centro da capital. A primeira, El mundo de la mujer, está filmada na exposición Femimundo, un espazo dedicado a pensar en cousas de mulleres. Que son esas cousas? electrodomésticos, claro, e cousas para adelgazar, roupa, dispositivos para o peiteado e a maquillaxe e, sobre todo, elementos ligados á maternidade. Máquinas para facer das mulleres un pouco máis mulleres. Ao uso do cinema militante de fins dos 60 e principios dos 70, Bemberg recompila textos e comentarios da exposición e da historia, textos que din cousas terribles sobre as mulleres. Anos despois fai Juguetes, filmada tamén na Sociedade Rural, pero esta vez cos nenos como principais vítimas. A través de entrevistas a decenas de mozos, Bemberg pensa en como as nenas están condicionadas desde cativas ás tarefas e as profesións de coidados. Explora cunha montaxe bastante explosiva os futuros que esta exposición imaxina para os nenos en tanto que adultos do futuro. Juguetes é un pouco máis luminosa que El mundo de la mujer, quizais porque as nenas aínda están a salvo de entrar niso que Bemberg nunca quixo chamar “guerra dos sexos” porque “Es difícil hablar de guerra cuando la mujer duerme con el enemigo”.
A estas dúas curtas acompáñanas dúas películas feitas no mítico Instituto Cinematográfico de la Escuela Nacional del Litoral, comunmente coñecido como Escuela Documental de Santa Fe, ligada a Fernando Birri. Pero o instituto cinematográfico non facía só documentais, e a renovación total que produciu no cinema arxentino nos seus primeiros anos, entre 1956 e 1975, cando foi pechado por razóns políticas, tamén alcanzou ao cinema de ficción. Esta faceta do instituto era case completamente descoñecida ata hai uns anos cando Raúl Beceyro, mítico cineasta ligado ao instituto desde esas épocas, pediulle a Fernando Martín Peña que comezasen a traballar sobre o arquivo de curtas de estudantes da escola, e comezaron a rastrexar películas. Alí apareceron e seguen aparecendo cousas incribles, moitas delas de cineastas que despois non seguiron traballando, sendo como foron parte dunha xeración trunca a mans do terrorismo de estado e o empobrecemento sistemático. Alí aparecen Florentina e El asesino, dúas películas que pensan na vida nun presente estancado, sen posibilidades, sen luces. Florentina, de Jorge Colombo, acompaña a unha mestra rural, Florentina Munga, no seu día a día como directora de escola e vai con ela aos recunchos máis escuros da súa consciencia, pero sempre cun deixo de dúbida: é isto un retrato ou unha autoficción? Hai unha tensión entre retratada e retrato, entre retratantes e retratada que fan da película un pequeno misterio. El asesino, de Celia Pagliero é unha película de ciencia ficción baseada, sobre todo, nas maxias da relación entre imaxe e son: un home é asediado por tecnoloxías que el mesmo comprou (que podería comprar nunha exposición na rural quizais titulada Hombremundo). As súas máquinas dinlle que facer, onde ir, que comprar e pregúntanlle todo o día cousas inservibles que poderían volver tolo a calquera cun gramo de conciencia. É o caso deste raparigo que termina perdendo a cabeza e cometendo crimes que neste mundo comercial son imperdoables.
A última curta deste programa é Documental, de Josefina Molina, que retrata un espazo que deixou de existir ao pouco tempo de rodada a película: Centro Penal de Maternología y Puericultura do Cárcere de Ventas en Madrid. Molina retrata con moita proximidade este espazo onde conviven as mulleres que usualmente integraban a poboación deste cárcere (e de calquera outro, mulleres pobres e presas políticas) e os seus fillos, moitos deles nados neste cativerio. Aparecen tamén outros personaxes deste espazo: gardas, enfermeiras, docentes e oficiais da igrexa. As internas tamén teñen que traballar para “redimirse”, facendo labores de mulleres: coser, bordar, tecer. Neste espazo de peche tan estraño, Molina tamén atopa momentos de moitísima beleza: os momentos de lecer das internas, camiñando ao sol do brazo coma se fosen simplemente mulleres que se atopan nunha praza.
Este programa ten un anhelo pequeno: poder especular que tería pasado se as persoas diante e detrás destas películas se tivesen coñecido, se se sentiran parte dunha xeración transatlántica que estaba, cada unha no seu, pensando o mundo como un lugar parecido, ao que lle sobraban e faltaban as mesmas cousas.
Grazas a Sonia García Lopez por cuxo traballo coñecín as películas das mulleres da Escuela Oficial de Cine; ao Museo de Cine de Buenos Aires Pablo Ducrós Hicken, a Filmoteca Buenos Aires, Fernando Martín Peña, a UNL, Pablo Spatola, Agustina Tanoira e Filmoteca Española polas copias destas películas que zafaron do esquecemento por moi pouco.
Programa de Lucía Salas.
Juguetes
El mundo de la mujer
Florentina
Documental
La brujita
El empleo
Horas Extra