Permanencia do efémero
Do 5 de maio de 2026 ao 23 de maio de 2026
Actualmente, a humanidade retrátase a si mesma e rexistra o mundo que o rodea cada día. Realiza unha inscrición audiovisual da sociedade e do cotián tan inmensa que os seus confíns son inabarcables. É un rexistro dixital, desigual, amorfo e extremadamente caótico. Onde o banal e o relevante se entrecruzan constantemente. Onde os formatos estandarizados non impiden que se produzan, á súa vez, multitude de expresións imprevistas. É unha inscrición veloz e volátil, efémera e en bruto, a miúdo inconsciente de ser unha inscrición.
As persoas cineastas atópanse hoxe en día rodeadas dun infinito océano de imaxes creadas por outras persoas do que emerxen cuestións que hai vinte anos apenas existían. Preguntas substanciais para as prácticas documentais, debido á intensa relación destas imaxes coa representación da realidade. Como representar os cidadáns, se moitos deles xa se están representando a si mesmos? Onde situarse como cineasta se «todo o mundo» filma? Que relación se xerou entre o cine e a linguaxe audiovisual amateur? Que significa para o cine documental este inmenso arquivo do presente?
A programación ‘Permanencia do efémero’ está constituída por cineastas e artistas que lidaron con estes paradigmas contemporáneos, navegando e remontando o arquivo amateur das redes sociais, renovando a historia do cinema de apropiación. Películas de arquivo da Internet nadas de mergullarse no seu magma, da selección, reordenación e intervención dos seus fragmentos, do achado de conexións, patróns, fíos condutores e identidades colectivas. Obras que rescataron imaxes de natureza efémera para dotalas dunha condición permanente, transformando a súa categoría fugaz nunha memoria do presente.
Todos os textos do programa de Miquel Martí Freixas, director artístico do festival Punto de Vista.
Coa colaboración de
Programa 1 | Homo e-sapiens
Programa 2 | A infinita festa final
Programa 3 | Colectivo NEOZOON : «navegar, observar, reeditar»
Programa 4 | (Im)perfectas ópticas da representación