Programa 1 | Homo e-sapiens
- 85 min.
Mass Ornament
Natalie Bookchin, Estados Unidos, 2009
7 min, DCP, sen diálogo
Space Down
Dominic Gagnon, Canadá, 2024
78 min, DCP, inglés, VOSE
Natalie Bookchin, artista e teórica especializada en medios dixitais, axunta o arquivo audiovisual fragmentado na Internet a partir dunha análise crítica da sociedade. A través dunha masiva remontaxe, Mass Ornament coordina bailes solitarios no cuarto e coreografías miméticas de masas expoñendo as contradicións entre a liberdade individual e o control social.
O artista e realizador quebequés Dominic Gagnon indagou profundamente en retratos internautas, realizando ata sete longametraxes. A partir do que denomina «direct cinema a distancia» observou a sociedade occidental —RIP in pieces, America, 2009—, desprazouse cara ao Ártico —Of the North, 2015—, o sur —Going South, 2018— e oriente —Big in China, 2020—. Navegados os catro puntos cardinais, faltaba sucar cara ao fondo da Terra e saír proxectado cara ao espazo. Space Down é unha ensamblaxe de expresións de seres humanos en estados de illamento e ansiedade mentres outros coetáneos gravitan polo ceo, perspectivas inverosímiles que interrogan cal é o lugar do ser humano no universo.
- Ano:2009-2024
- Países de produción: Canadá, Estados Unidos