
Historia dunha segadora
Kusatori Sōshi / 草とり草紙
- 88 min.
Historia dunha segadora (草とり草紙) é un retrato de Katsu Someya, unha muller de 86 anos nacida en 1899 cuxa casa se atopa xunto á pista de aterraxe do aeroporto de Narita, nun terreo que foi confiscado e vendido para ampliar o aeroporto nunha segunda fase. Vive alí soa, afastada da familia por decisión propia, resistíndose a abandonar a súa terra; dedícase á agricultura, saca as malas herbas diariamente e traballa nunha fábrica de conservas en vinagre. Os relatos da súa vida, contados e repetidos, trazan décadas da experiencia persoal de resistencia desta muller. A súa historia entrelázase coas loitas pola terra e os dereitos dos campesiños de Sanrizuka ante a construción do aeroporto.
A película, filmada en 8 mm ao longo de tres anos, está estruturada en dezanove capítulos e editada segundo os ritmos da narración de Someya. Explora a disxuntiva entre a fala e a memoria desta muller a través dunha montaxe orixinal de son e imaxe. Posteriormente ampliouse a 16 mm para poder imprimir na película os subtítulos en xaponés coas palabras de Someya. A súa compañeira, Yukie Hatano, produciu a película e realizou as tarxetas de título que anuncian as dezanove seccións.
Historia dunha segadora marcou un cambio na práctica e o método documental xaponés, mesmo na súa relación coa política, ao centrarse nos pequenos xestos diarios e facer maior fincapé nas historias persoais. A película tivo unha grande influencia para os cineastas que seguiron os pasos de Fukuda, entre eles Makoto Satō e Haruka Komori. (Ricardo Matos Cabo)
Agradecementos: Yukie Hatano.
Subtítulos proporcionados por Punto de Vista—Festival de Cinema Documental de Navarra, Courtisane & Subtitula’m.
- Ano:1985
- Países de produción: Xapón
- Fotografía: Toshihiko Uriu, Katsuhiko Fukuda
- Produtora(s): Ogawa Productions