F. W. Murnau
Do 1 de xaneiro de 2011 ao 31 de xaneiro de 2011
Morto accidentalmente en Estados Unidos no seu apoxeo mentres se desenvolvían os primeiros anos do cine sonoro, xusto uns días antes da estrea de Tabú (1931), o cineasta alemán Friedrich Wilhelm Murnau (Bielefeld, 1888-Hollywood, 1931) –a pesares de ter boa parte da súa obra desaparecida- inscríbese na Historia do cine a través de títulos esenciais como Nosferatu, El último ou Tartufo. Logo de colaborar co prestixioso director teatral Max Reindhart -actor entre 1909 e 1914-, Murnau realiza películas propagandísticas en Suíza e regresa a Alemaña para dirixir con habilidade e de maneira moi persoal obras mestras en pleno período expresionista. Despois de rodar Fausto (1927) afíncase nos Estados Unidos, onde roda a primeira película gañadora do Óscar, Amanecer, e, sobre todo, sortea a parálise creativa xurdida co sonoro polo seu posicionamento estético no que sobresae unha idea: a imaxe por enriba de todo. As súas maneiras fílmicas, “forma de pintura en movemento”, en expresión de Luciano Berriatúa, o abnegado investigador español gran experto na súa produción, determinan o ton do seu traballo, moi capaz de reflexionar sobre os achados do teatro, as artes plásticas e o cine derivado da renovación formulada a partir de Feuillade, Ince ou Griffith. Mestre no uso simultáneo da profundidade de campo e o primeiro termo dramático, audaz no uso dos espazos e nos apartes dos actores, Murnau creaba auténticas liñas de composición visuais e brillantes xogos expresivos onde prevalecía o encadramento sobre a acción, ocasionando unha beleza plástica inesquecible.
Catro dos títulos –todas as proxeccións dos venres de febreiro- terán acompañamento musical en directo, con interpretación do pianista Javier Pérez Castro.
Agradecementos: Javier Pérez Castro, Friedrich Wilhelm Murnau Stiftung (Alemaña).

Tabú

El último

Amanecer

Nosferatu

City girl

Phantom

Der gang in die nacht

Schlöss Vogelöd

Fausto
