
ESENCIAIS: MASAHIRO SHINODA
Do 9 de xaneiro de 2024 ao 25 de xaneiro de 2024
O nome de Masahiro Shinoda (Gifu, 1931) está inevitablemente asociado á etiqueta Nova Onda Xaponesa, a famosa Nuberu Bagu dos estudios Shochiku que tivo nas figuras de Nagisa Oshima, Kiju Yoshida e do propio Shinoda os seus primeiros e máximos representantes.
En realidade, estes tres directores non tiveron nunca a intención de crear un movemento, e as súas posicións ideolóxicas como creadores foron completamente diferentes. Con todo, formaron parte dunha xeración de mozos creadores aos que, durante a década dos 60, a produtora Shochiku deu carta branca para crebar as formas tradicionais de traballar no sistema de estudios.
No caso de Masahiro Shinoda isto significou traballar desde a base dos xéneros tradicionais do cine xaponés, o yakuza eiga ou cine yakuza, o jidai geki ou drama histórico, o chambara ou película de espadachíns, para romper coas barreiras que eses mesmos xéneros impuñan. Rompeu con elas para poder falar de temas universais como a moralidade en tempos de crise ou a desorientación das xeracións máis novas.
O traballo de Shinoda é complicado de etiquetar por mor da súa diversidade temática, mais nos seus primeiros vinte anos de carreira – cómpre lembrar que é un director cuxa carreira abrangue máis de corenta anos en que dirixiu máis de trinta longametraxes- creou unha serie de películas onde se facía eco da desorientación da xeración que viviu a súa mocidade durante os anos posteriores á II Guerra Mundial.
A este tema de base habería que acrecentar, ou quizais pór en relación, unha constante, o sacrificio dos personajxs que poboan a súa filmografía. Os protagonistas de Shinoda sométense a un sacrificio que atinxe ás veces o nivel de autodestrución, especialmente a causa dun irrefreable desexo, quer causado polo amor, quer pola ansia de beleza.
Esa procura da beleza é igualmente aplicable ao seu estilo como director. Discípulo de Kenji Mizoguchi, ao que admiraba fondamente, herdou do mestre a busca da perfección estética da composición do plano. Ademais, esta debe moito estilisticamente ás formas de teatro tradicionais xaponesas. A influencia do kabuki, o bunraku e o noh foi recoñecida polo propio Shinoda ao falar do seu traballo.
Esta débeda coa tradición sitúanos ante o traballo dun director complexo que lonxe de propoñer unha revolución ou unha ruptura cos sistemas tradicionais de valores tanto estéticos coma ideolóxicos prefire analizalos e poñelos a proba.
Este ciclo recolle sete dos seus traballos máis significativos, enmarcados na súa maioría nesa década dos 60, á vez que menos coñecidos polos espectadores occidentais, cos que aspiramos a presentar unha das figuras máis sobresaíntes da cinematografía xaponesa.
Fundación Xapón
Foto portada: Kawaita mizumi (Masahiro Shinoda, 1960) ©1960 松竹株式会社 ©1960 Shochiku Co., Ltd.

Kawaita Mizumi (O lago seco)

Yuri ni akai ore no kao (A miña cara arde baixo o sol)

Namida o sishi no tategami ni (Bágoas na melena do león)

Ansatsu (Asasinato)

Ibun sarutobi sasuke (O samurai espía)

Kawaita hana (Flor pálida)
