Don Quixote(s) no cine (I)
Do 1 de novembro de 2005 ao 30 de novembro de 2005
En colaboración con: Filmoteca Española, IVAC-La Filmoteca, Donostia Kultura, Filmoteca Vasca, Nosferatu. Revista de cine.
As consecuencias das problemáticas relacións cinema-literatura en conxunción coa presenza dunha obra da relevancia e atractivo da novela escrita e publicada en dúas partes por Cervantes dificultan tradicionalmente o rigor e a obxectividade na aproximación ás versións cinematográficas derivadas desta singular peza. Como conclusión momentánea, máis de 80 títulos realizados e un feixe de posibilidades malogradas —incluídos Chaplin ou Eisenstein— que percorren a historia do cinema de principio a fin, da primeira copia conservada, dirixida por Lucien Nonguet en 1902, á honorable tentativa recente de Terry Gilliam, as tendencias á sacralización do brillante material base coa conseguinte e excesiva fidelidade, o descarte xeralizado das infinitas alternativas (meta)ficcionais e as diferenzas de linguaxe entorpecen boa parte dos filmes nela inspirados.
Formuladas moitas veces como operacións de prestixio ou de procura de lexitimación cultural antes que imaxinativo proveito da universalidade dun mito cultural orixinado en tantos trazos da condición humana, aspectos que presiden o texto literario como a indagación nos diferentes e complexos niveis narrativos, a mestura xenérica, a pelexa constante realidade-ficción asociada á propia multiplicidade de lecturas e riqueza da obra (visións, encantamentos, discursos loucura-cordura, vías de enunciación e de exuberancia narratolóxica, compoñentes de fantasía e reflexións sobre a mistificación...) van ter cumprida cabida nun corpus de títulos desde logo variado. Se lle engadimos os gustosos compoñentes lúdicos e humorísticos enraizados na propia construción do relato sazonado coas tentacións de simplificación dos moitos e produtivos temas e intereses entrelazados e propagados a través da prosa cervantina, ese corpus definirá pouco menos que as tendencias estéticas e narrativas que conforman e quebran a historia do cinema.
Proxecto gafe ou descabezado para tantos, obteñen o maior interese aqueles cineastas (Pabst, Kosintsev, Rohmer, Escrivá, Berzosa, Welles ou o fugaz Godard de Allemagne, neuf zero) que, desligándose de calquera servidume, reinterpretando e creando en forma de escritura fílmica, exceden, en atinada expresión de Bazin, a “ilusión das formas” e acadan unha perspectiva propia, sen renunciar ás esencias da obra, isto é, explorando as pisadas ou variantes abertas pola especificidade da linguaxe fílmica a partires dun suxestivo e amplo relato-marco. O proceso de entrada nun mundo irreal exposto no texto literario colabora na propia heteroxeneidade da produción audiovisual resultante: televisión (fundamentalmente traballos documentais), animación, comedia, musical, infantil, versións eróticas, filmes históricos e biográficos (biopics sobre Cervantes que recrean, dramatizan ou mesturan moitas veces fragmentos da obra) até chegar a filmes-ensaio como a emisión televisiva de Rohmer e o traballo en Francia do exiliado hispano José María Berzosa para a serie Espagnes. Este último vaise enfrontar desde o seu propio título á épica e limitada concepción do mito erixida pola oficialidade intelectual franquista, cunha expresiva inversión da súa significación: “Morrer tolo, vivir cordo”.
A introdución dominante dos diferentes episodios e peripecias inclinados cara á acción física (o efecto dos desatinos de Don Quixote) e a preeminencia de certas derivacións temáticas (relato amoroso, estrutura itinerante, episódicas aventuras, tendencia á psicoloxización e prioridade á relación Don Quixote-Sancho, uso do mito...) facilitan unha amálgama de tons —pasamos da visión onírica e fantasiosa á realista, etnográfica, didáctico-cultural ou directamente baseada no cartón-pedra— que artellan en xeral un conxunto de filmes máis interesantes que satisfactorios, dependentes ben da capacidade de relectura, ben da aplicada (e/ou mediocre) mímese executada pola maioría dos seus autores.
José Manuel Sande
Agradecementos: José Manuel Sande, Ignacio Benedeti Cinema.