
David Lynch
Do 1 de abril de 2025 ao 31 de maio de 2025
O pasado 15 de xaneiro faleceu David Lynch, un dos grandes renovadores da linguaxe cinematográfica do último medio século. A súa filmografía, que supera os 100 créditos entre curtas e longametraxes, videoclips, publicidades, series de TV e formatos de carácter máis artístico, como instalacións, é case inabarcable. A modo de homenaxe, recuperamos algunhas das súas obras máis singulares. Son en total 11 longametraxes e 5 curtas que dan conta da súa evolución como cineasta.
Precisamente inclúense neste ciclo as súas primeiras curtas, que presaxian xa o enxeño da súa ópera prima, Cabeza borradora (1977), un surrealista torrente de imaxinación no que xa se aprecia o gusto de Lynch polos universos sobrenaturais en convivencia co cotián, que van definir boa parte da súa filmografía. Pezas como a serie Twin Peaks (1989-1991) e as longametraxes Terciopelo azul (1986), Corazón salvaje (1990), Carretera perdida (1997), Mulholland Drive (2001) e Inland Empire (2006) enmárcanse na que seguramente sexa a vertente máis coñecida de Lynch, unha na que a narración clásica –se é que algunha vez a houbo– vai cedendo o paso a un progresivo surrealismo que se sostén pola simple creación de atmosferas malsás e insidiosas, subliñando os aspectos pesadelescos dunha sorte de civilización en declive que adquire dimensións míticas e telúricas. É a súa obra un retrato tan humanista como desgarrado do insondable mal da natureza humana, particularmente no crepúsculo dunha idea de América deformada e en descomposición.
De entre os seus moitos colaboradores, un que tivo unha incidencia enorme nas imaxes que Lynch creou é o músico Angelo Badalamenti, co que traballa de forma habitual dende Terciopelo azul. O tema do título, cantado por Isabella Rossellini nesa película, figura indeleble na memoria cinéfila colectiva, como o está a súa secuencia de apertura con acordes orixinais de Badalamenti. Kyle MacLachlan é aquí o protagonista, como ocorre en Twin Peaks e co seu famoso detective Cooper. A música de Badalamenti no episodio piloto tivo un impacto que vai máis aló do cinematográfico, é como un tótem da cultura pop de finais do século XX. No retorno á serie de 2017 preguntóuselle moito a David Lynch se lle amolaba que a xente vise a serie nos seus dispositivos móbiles, ao que sempre respondía que non importaba mentres a escoitasen con auriculares. Isto evidencia como imaxe e son eran para el indisociables na creación destas atmosferas, das que se erixiu en mestre.
Con todo, ao longo da súa carreira soubo adoptar tamén de maneira notable estilos máis clásicos, como queda demostrado nas súas películas El hombre elefante (1980) e Una historia verdadera (1999), retrato este moito máis amable dunha América profunda na que o tempo parece discorrer máis lento.
De todas as súas películas, a única que Lynch detestaba era Dune (1984), que conta hoxe con todo cunha lexión de fans que a elevaron a obra de culto. Completa este peplum galáctico unha selección que non lle fai xustiza a un dos creadores audiovisuais máis polifacéticos e complexos da historia do cinema, pero con sorte servirán estas proxeccións para revisar ou descubrir algúns dos trazos máis destacables desta supernova da sétima arte.

Six Men Getting Sick

The Alphabet

The Grandmother

The Amputee

Lumière y compañía

Cabeza borradora

El hombre elefante

Twin Peaks: fuego camina conmigo

Carretera perdida

Una historia verdadera

Mulholland Drive
