Dende mañá mércores e ata o 12 de abril pasamos unha retrospectiva case integral do profesor e cineasta norteamericano Thom Andersen, que se fixo famoso entre a cinefilia especialmente pola súa película Los Angeles Plays Itself, que o CGAI proxecta o mércores 11 de abril.
Neste fita, incluída como un dos mellores documentais da historia na listaxe da prestixiosa revista Sigh&Sound, Andersen realiza un retrato da cidade na que pasou boa parte da súa vida, Os Ánxeles, a través de extractos doutros títulos rodados na urbe. Afastándose da súa imaxe da meca do cine, o realizador toma aquí exemplos de películas que mostran a realidade cotiá e a verdadeira identidade da megalópole. A súa característica voz en off, de vocación pedagóxica, destaca por unha fina ironía como unha das súas principais marcas de estilo.
Coñecido sobre todo polo seu cine de montaxe, no que toma treitos de filmes previos para realizar ensaios arredor das políticas de representación en Hollywood, o urbanismo ou conceptos de carácter cinematográfico, en Red Hollywood (xoves 5) apóiase en filmes clásicos para rescatar algunhas das figuras máis importantes do cine da época no seu país, silenciadas pola caza de bruxas de McCarthy contra o comunismo.
Non é esta a súa única película arredor da historia do cine. A recente The Thoughts That Once We Had, coa que se pecha o ciclo o xoves 12, é unha adaptación persoal dos conceptos do filósofo Gilles Deleuze sobre este ámbito, mentres que curtas como A Train Arrives at the Station (mañá) ou The Tony Longo Trilogy (xoves 5) abordan tamén temas cinematográficos.
Amante do urbanismo e explorador da cidade
A cidade é a gran paixón de Andersen, sexa polo retrato que o cine fai dela, ou porque se sinte atraído polo seu urbanismo. Xa nas súas primeiras curtas nos anos sesenta saía á rúa para atoparse con espazos e persoas, exercicio que repite anos máis tarde en Get Out of the Car (venres 6). Nela, toma a cámara para captar os pequenos recunchos dos Ánxeles agochados polas enormes autoestradas, unha cidade de vías cruzadas con moito que descubrir á beira, con espazos ruinosos que remiten ao pasado.
Este gusto polos espazos arquitectónicos levouno a Portugal a rodar Reconversão, sobre a obra do arquitecto luso Eduardo Souto Moura, caracterizada precisamente pola sublimación da ruína ou a reconstrución a partir dela. A filmoteca pásaa o 5 de abril.
Pero Andersen ten tamén a faceta de profesor no prestixioso centro CalArts, unha das grandes referencias en estudos relacionados coa arte nos Estados Unidos. Alí leva a cabo as súas investigacións que moitas veces se converten en filmes (Red Hollywood, por exemplo, parte dunha delas) ou en artigos, recentemente recompilados no volume Slow Writing: Thom Andersen on Cinema, editado por The Visible Press polo crítico especializado en cine experimental Mark Webber, membro ademais de LUX, principal socio do CGAI á hora de poñer en marcha esta retrospectiva.