The Thoughts That Once We Had
- 108 minutos
Unha historia persoal do cine por Thom Andersen, partindo dos conceptos da imaxe-movemento e a imaxe-tempo de Gilles Deleuze.
- Ano:2015
- Países de produción: Estados Unidos
Unha historia persoal do cine por Thom Andersen, partindo dos conceptos da imaxe-movemento e a imaxe-tempo de Gilles Deleuze.
The Thoughts That Once We Had é unha historia persoal do cine, parcialmente inspirada nos conceptos de Gilles Deleuze, a imaxe-movemento e a imaxe-tempo (citas a estes libros non paran de aparecer) e no meu descubrimento da comedia musical de Hollywood, vendo un maratón en TCM na noite de fin de ano de 2014. Poida que pouco destas inspiracións ficase no filme, mais trátase sen dúbida dunha historia persoal do cine. Por suposto, moitas outras son posibles e a de calquera é tan válida coma a miña.
Un título co que traballaba era Grandes momentos na historia do cine, mais o filme superou o título. Volveuse máis ambicioso. Tomou unha forma que me gustou. O título non tenta dicir que o cine está morto. Polo contrario: toda arte hoxe aspira á condición do cine. En troques, o título suxire que as imaxes en movemento e os sons son pensamentos de seu, pois as películas non se perciben, lémbranse.
The Thoughts That Once We Had conta máis do que sei, mesmo se aprendín unhas cantas cousas sobre cine e sobre a miña relación con el ao facer esta película: poucos cineastas son quen de fabricaren o que Deleuze chama unha “imaxe-afecto”, unha imaxe que deixa pegada na cara como afecto puro que é; a melodía da ollada tamén é rara; canto máis fundamentada a cámara, mellor (o que ensinaba Joris Ivens); un plano d’ O undécimo ano de Dziga Vertov anticipa Wavelength; ler en alto é a máis cinematográfica das accións; o meu interese no cine é máis carnal do que pensaba; o que interesa á cámara non vén dado, é algo que a cámara descobre e volve novo en cada plano. A outros espectadores viranlle á mente outros pensamentos.
Isto soará un pouco formidable, mais tamén quixen engadir un pouco de vulgaridade americana ao chamado “ensaio fílmico”. O filme non estaba calculado para que os liberais se volvesen tolos; simplemente saíume así.
Thom Andersen