Cinema, rexistro vivo da nosa memoria
Do 27 de marzo de 2024 ao 7 de maio de 2024
Formado polo documental homónimo e oito películas recentemente restauradas por institucións de renome do mundo todo, pretende valorar o traballo de filmotecas e arquivos para salvagardar o patrimonio cinematográfico. Cine, registro vivo de nuestra memoria, de Inés Toharia, versa sobre o traballo de conservación e restauración que levan a termo filmotecas, arquivos e outras institucións en todo o mundo. Do mesmo xeito, conta con centos de entrevistas a profesionais afamados e con material de arquivo de enorme interese. A película chega co aval dun impresionante percorrido por festivais internacionais, entre os que figuran a Seminci, o BAFICI ou Sitges.
Precisamente pola súa temática e afán divulgativo, a fita preséntase na Filmoteca de Galicia dentro dun ciclo formado por oito películas restauradas hai pouco nestas institucións de prestixio. Xoias recuperadas e por descubrir para gran parte da cinefilia, como Bushman (David Schickele, 1971) ou Las ruinas de un imperio (Fridrikh Ermler, 1929), comparten espazo nesta escolla con outras máis coñecidas como Tren de sombras (José Luis Guerín, 1997).
En colaboración coa distribuidora Lost & Found, especializada en cine de repertorio, a Filmoteca de Galicia vai organizar na Coruña unha xornada de conferencias o 9 de abril, de acceso gratuíto. As intervencións correrán a cargo da propia Inés Toharia quen, á parte de ser directora, conta cunha longa traxectoria en institucións como o George Eastman Museum, o arquivo de Nacións Unidas en Nova York ou a Filmoteca UNAM; a investigadora e restauradora Carolina Cappa e o xornalista especializado e programador Víctor Paz.
Toharia vai facer unha introdución a conceptos clave da preservación fílmica e vai reflexionar sobre a importancia de conservar este patrimonio, para logo cederlle a palabra a Cappa, que está á fronte da recente restauración da obra do director José Ernesto Díaz-Noriega. Este caso de estudo ha centrar a súa intervención. Pechará a xornada Paz, con algúns consellos prácticos sobre programación de cine de patrimonio para quen desexe iniciarse nesta práctica.