
Centenario Marcello Mastroianni
Do 2 de maio de 2025 ao 14 de xuño de 2025
A filmografía de Marcello Mastroianni, 160 películas en máis de 50 anos de carreira, reflicte a evolución do cinema italiano, europeo e mundial da segunda metade do século XX. O seu talento e carisma brillaron con esplendor en moitas películas fundamentais dese período. Foi o indiscutible protagonista nalgunhas das obras máis representativas dos directores italianos que encabezaron o cinema de autor: La dolce vita (1960) ou Fellini 8 ½ (1963), de Federico Fellini; La noche (1961), de Michelangelo Antonioni; Noches blancas (1957) e El extranjero (1967), de Luchino Visconti; e Matrimonio a la italiana (1964) ou Los girasoles (1970), de Vittorio De Sica.
Pero tamén traballou para o magnífico abano de directores que, aínda que menos célebres, foron decisivos para colocar Italia á fronte da industria cinematográfica en Europa, como, entre outros, Mario Monicelli en Rufufú (1958), Marco Ferreri en La gran comilona (1973), Marco Bellocchio en Enrique IV (1984), e Ettore Scola en Una jornada particular (1977). E destacados directores europeos tamén contaron con el, como Nikita Mikhalkov en Ojos negros (1987), Manoel de Oliveira en Viaje al principio del mundo (1997), Theo Angelopoulos en El paso suspendido de la cigüeña (1991) ou Agnès Varda en Las cien y una noches (1995).
Poucos actores poden presumir dunha carreira con títulos como os mencionados. Pero presumir non era o seu estilo. “Despois de todo”, explicou nunha ocasión, “seica é posible facer sempre películas boas? Se só fixese películas boas tería medo de min mesmo. Iso é un privilexio dos santos; os santos, os heroes, non se equivocaron xamais. Amais a min os santos e os heroes resúltanme antipáticos”. De feito, os seus mellores personaxes non adoitaban ser nin heroes nin santos. Nas marxes do cinema de autor ou nas do cinema máis popular, Mastroianni prefería interpretar xente sinxela e imperfecta, afastada, por outra banda, dese arquetipo de latin lover ao que a súa imaxe se reduciu demasiadas veces.
Mastroianni deixou ben clara a súa filosofía ao referirse a un dos seus dramaturgos favoritos: “Talvez amo a Chéjov dun modo tan especial porque os seus personaxes e as súas historias se asemellan á vida. Ou talvez porque conectan mellor coa miña natureza, mesmo coa miña natureza de actor. Gústame ese pequeno mundo humilde, poboado de personaxes perdedores, pero cheos de entusiasmo, de soños, de ilusións”.
Coa colaboración de

Marcello, una vita dolce

La senda de la esperanza

La novia del pirata

Rufufú

Fellini 8½
