
Rufufú
I soliti ignoti
Marcello Mastroianni, Vittorio Gassman, Renato Salvatori, Memmo Carotenuto, Rossana Rory
- 106 min.
Unha banda de ladróns, procedentes das capas máis humildes da sociedade italiana, preparan un gran atraco ás oficinas romanas dunha casa de empeños, aconsellados por un criminal xa retirado. A súa gran esperanza, a pesar da ineptitude que os caracteriza, é que o éxito do roubo os axude a escapar da miseria na que viven. Pero os plans non saen como estaba previsto.
- Ano:1958
- Países de produción: Italia
- Guión: Agenore Incrocci, Furio Scarpelli, Suso Cecchi d’Amico, Mario Monicelli
- Fotografía: Gianni Di Venanzo
- Montaxe: Adriana Novelli
- Produtora(s): Cinecittà, Lux Film, Vides Cinematografica
-
"Rufufú": a notable combinación de neorrealismo e comedia
Podcast ‘Estamos de cine’
Tráiler
Avance cinematográfico
Un fito da comedia italiana
Rufufú marcou un antes e un despois no xénero cómico en Italia pola súa aceda crítica á faciana máis dura do milagre económico. Anteriormente, as fitas centrábanse en rapaces intentando seducir mozas cuxas vidas eran definidas por pais controladores. Se ben Rufufú non deixa de introducir algúns elementos románticos, a súa trama está moi afastada deste modelo. Parodiando máis ben os filmes franceses de atracos –con dardos evidentes ao Rififí de Jules Dassin–, a ficción presenta uns ladróns que son o contrario aos tipos fríos e violentos aos que daba vida Jean Servais.
Vittorio Gassman e Marcello Mastroianni son en Rufufú os rostros máis coñecidos dun elenco coral que nos presenta uns pobres homes sinxelos e imperfectos, moi pobres, que, desesperados por levar algo á boca, deciden roubar unha casa de empeños cun plan nada meticuloso. Todo sae mal, claro, pero non hai grandes dramas, senón unha aproximación irónica e vitalista ante unha realidade gris. Deste xeito, Monicelli e os seus coguionistas permítense trasladar os preceptos do neorrealismo á comedia popular, o que nunca antes acontecera de xeito tan decidido.
Rufufú foi o gran éxito comercial na carreira de Mastroianni nos anos cincuenta e inaugurou todo un ciclo de comedias que derrubaron a imaxe idealizada da posguerra que o cinema popular italiano viñera dando ata ese momento.