
Enrique IV
Enrico IV
Marcello Mastroianni, Claudia Cardinale, Leopoldo Triste, Paolo Bonacelli
- 84 min.
Un home da alta sociedade vive recluído nun castelo, crendo que é o rei Henrique IV do Sacro Imperio Romano Xermánico. Leva así 20 anos, desde que sufriu un accidente e golpeou a cabeza cando ía disfrazado deste personaxe histórico. A súa irmá e un grupo de criados cóidano, mantendo a ilusión de que o mundo transcorre en plena Idade Media. Agora un psiquiatra ideou un elaborado plan para conseguir que o home recupere a cordura.
- Ano:1984
- Países de produción: Italia
- Guión: Marco Bellocchio, Tonino Guerra (obra de teatro: Luigi Pirandello)
- Fotografía: Giuseppe Lanci
- Montaxe: Mirco Garrone
- Produtora(s): Rai 2, Odyssia
Temporalidade e inconsciente: Enrico IV e a cronotrampa
En Clodagh J. Brook, ‘Marco Bellocchio: The Cinematic I in the Political Sphere’, University of Toronto Press, 2010
A manipulación das coordenadas temporais, do mesmo xeito que a das espaciais, é crucial para a construción dunha atmosfera de interioridade. A creación de zonas nas que o tempo parece retardarse ou deterse forma parte da imposición por parte de Bellocchio dun cinema da subxectividade. A súa manipulación tanto do tempo narrativo como do tempo de rodaxe nas películas posteriores a 1980 é un factor significativo desta obra.
O modelo do inconsciente que propón o cinema de Bellocchio é un no que o tempo narrativo lineal se substitúe pola coexistencia do pasado e o presente. O seu cinema está cheo do que chamarei cronotrampas: espazos que atrapan o pasado e mantéñeno xunto ao presente; espazos que existen en paralelo co mundo contemporáneo pero que non son de todo del. (...)
Estas cronotrampas, xunto co uso da cámara lenta e os planos dilatados, poden interpretarse como unha forma de manipular o tempo: retardándoo, facéndoo reflectivo e reflexivo, e creando a ilusión de que estamos en presenza do inconsciente. (…)
O castelo de Enrico IV –situado en Rochetta Mattei, un falso castelo kitsch, construído en realidade en 1850 pero en estilos medieval e renacentista– é a cronotrampa máis complexa de Bellocchio. A película de Bellocchio, baseada no drama homónimo de Pirandello de 1921, leva máis lonxe a interacción entre os niveis diverxentes de pasado e presente que xa existían na obra orixinal. Como no drama de Pirandello, o presente da película describe o día da visita ao castelo de Enrico do seu gran amor, Matilda (Claudia Cardinale); a súa actual amante, Belcredi; a súa filla, Frida (Latou Chardons); un médico; e o conde De Nolli, sobriño de Enrico. O pasado, con todo, é complexo, pois está constituído por tres vertentes que se entrecruzan (...). Bellocchio toma estas vertentes e penéiraas a través dunha mestura de flashbacks e alucinacións. Con todo, distínguese da peza teatral inserindo unha cuarta vertente significativa no pasado: a infancia perdida de Enrico. (...) Esta imaxe de múltiples capas e o propio castelo retratan un mundo no que o pasado e o presente están complexamente entrelazados, de modo que a distinción entre eles tende a desvanecerse.
Tradución propia do inglés.