Achéganse outros tempos. Os filmes de Peter Nestler
Do 25 de abril de 2023 ao 12 de maio de 2023
Este programa é unha introdución á obra do cineasta Peter Nestler. O seu título tomouse emprestado dun poema do poeta comunista alemán Johannes R. Becher, escrito no exilio entre 1941 e 1944. Nestler citouno nun texto sobre a responsabilidade do cineasta e a crise política en Chile en 1970. A chamada á resistencia, á esperanza e ao cambio foron unha constante na obra de Nestler desde que comezou a facer películas nos primeiros anos sesenta de século pasado.
Conforme as súas palabras, a responsabilidade maior dun cineasta debe ser «admitir, recoñecer e dicir o seguinte xunto con outros: isto ten que cambiar, iso ten que se preservar ou iso non debe ser ignorado». Desde os temperás retratos de comunidades rurais e industriais de Alemaña e Inglaterra que ficaron na metade do camiño tras o milagre económico deica as súas «biografías de obxectos», que documentan a vida dos materiais e os procesos de produción, pasando por numerosas investigacións sobre as historias de persecución, opresión e resistencia ao fascismo e a súa aterradora continuación, as películas de Peter Nestler sempre pescudaron e revelaron o que se ignorou e esqueceu á mantenta, malia a amnesia histórica e a inercia política.
Desde 1960 ata hoxe Nestler dirixiu máis de sesenta películas, moitas en colaboración coa muller Zsóka Nestler e outros cineastas e artistas. Nestler estudou debuxo e serigrafía, traballou como mariño mercante e gardamontes e tamén foi actor nalgunhas longametraxes. A súa primeira película, Am Siel, de 1962, foi o primeiro traballo dunha serie sobre as transformacións do mundo rural en Alemaña. As súas películas da década de 1960 mostran como influían os cambios provocados polas políticas económicas e industriais da Alemaña Occidental na vida da clase traballadora. Abordaron outrosí os violentos legados da Alemaña nazi, a súa continuación e as consecuencias na posguerra da Alemaña socialdemócrata, así coma as historias de resistencia política e os movementos obreiros.
A súa práctica cinematográfica foi en contra dos principios do cine directo, que definía gran parte do cine documental da época, tamén en Alemaña: as películas del daban un paso atrás para investigar, afondar e analizar cada situación e o que esta implica. En 1965-1966, xunto con Reinald Schnell, Nestler rodou unha película en Grecia, Von Griechenland, que presaxiou a próxima ditadura militar dous anos antes de que se producise. As posturas políticas claramente expresadas nos filmes fixeron fronte ao consenso político e ao sentimento anticomunista predominante daquela e, por tanto, para Nestler foi difícil continuar traballando en Alemaña. En 1968 foise a Suecia, ao lugar de nacemento da nai, e alí continuou creando a maioría dos traballos nas seguintes décadas. Traballou para a televisión pública producindo, comprando e dobrando programas para público infantil e xuvenil. Así mesmo, realizou proxectos persoais en colaboración con Zsóka Nestler.
Moitas desas películas estaban relacionadas cos legados criminais da Alemaña nazi (e a colaboración europea), co seu pasado e coa maneira en que continuaban vixentes no presente. Revelan historias de violencia, inxustiza e resistencia. Entre outros traballos, Zigeuner sein (1970), sobre as persecucións e inxustizas perpetradas polos nazis contra as comunidades romaní e sinti é un dos traballos máis importantes de Peter e Zsóka Nestler. Unha postura antifascista, antibélica, ecolóxica, internacionalista e humanista percorre a súa obra toda.
Unha retrospectiva comisariada por Ricardo Matos Cabo e Lucía Salas e organizada por Punto de Vista, Festival Internacional de Cine Documental de Navarra.
Nesa época, Nestler realizou películas sobre políticas e loitas internacionais, a guerra de Vietnam ou a situación de Chile (a miúdo exercendo a súa actividade onda a comunidade chilena exiliada en Suecia). Peter e Zsóka Nestler traballaron en varias películas sobre as condicións laborais dos migrantes, exiliados políticos e minorías étnicas (en Suecia e noutros lugares). Para a televisión fixeron unha serie de ensaios documentais sobre como se producen os obxectos e os materiais, as historias do capital, a manufactura e a industria. Neles demostran o seu interese pola artesanía tradicional e polas vidas dos artistas que expresan as súas políticas mediante o seu traballo. Tal e como dixo nunha entrevista, «a arte visual e a escultura son para Zsóka e para min un modo de entender o mundo, vivir conscientemente e gozar da beleza, mais tamén para ver —ousar ver— o abismo da existencia humana».
Realizar obras para o público novo axudounos a desenvolver un proceso de filmación didáctico, formalmente claro, informativo e cativador. As películas nunca deixaron de explorar as complexas relacións entre o son e a imaxe mediante o uso da narración, testemuños e música, poñéndoos nunha relación dialéctica con materiais recompilados de fontes diferentes (fotografías, textos, gravados, música, excertos doutras películas). Nas películas de Nestler a utilización diferenciada da voz en off rexeita as convencións da narración documental neutral e, no seu lugar, implícase activamente cos suxeitos.
Desde finais da década de 1980, Peter Nestler realizou outra vez películas en Alemaña e traballou por primeira vez en longametraxes. Entre elas, había algunhas sobre a artesanía tradicional e as historias das persoas que a producen (Zeit, 1992), así como a historia centenaria da persecución dos xudeus en Frankfurt (Die Judengasse, 1988) e historias de resistencia contra o nacionalsocialismo (Die Verwandlung des guten Nachbarn, 2002). Así mesmo produciu diarios de viaxe finamente elaborados, inspirados polo seu firme compromiso coa preservación da natureza e coas culturas locais e indíxenas (Die Nordkalotte, 1991, Pachamama-Nuestra tierra, 1995). Os últimos anos marcaron unha continuidade no seu traballo, con películas extraordinarias; por exemplo, sobre a cerámica de Pablo Picasso cando se instalou na Costa Azul (Picasso in Vallauris, 2021), e recentemente un díptico relacionado coas inxustizas cometidas contra os romanís e sinti e mais a súa resistencia (Unrecht und Widerstand, 2022, y Der offene Blick, 2022).
Catálogo de Punto de Vista. Festival Internacional de Cine Documental de Navarra 2023
Agradecementos: Manuel Asín, Teresa Morales, Cristian Ruiz (Punto de Vista); Filmoteca de Catalunya; Cineteca Madrid; Filmoteca Valenciana - IVC