Chris Marker (e II)
Do 1 de abril de 2006 ao 30 de abril de 2006
En colaboración con: Festival de Las Palmas de Gran Canaria, IVAC-La Filmoteca, Alianza Francesa (A Coruña).
“ONE COOL CAT PERFIL INCOMPLETO DE CHRIS M.
Sábese pouco de Chris Marker. A vella lenda que podía figurar na súa tarxeta de presentación -“Escritor, fotógrafo, cineasta, viaxeiro”- xa quedou anticuada. Probemos cunha descrición máis ampla, esta trazada por Roger Tailleur ao principio da carreira do cineasta: “É sinxelo, Chris Marker é un escritor cazador de imaxes, un viaxeiro meditativo, un cidadán do mundo que se expresa en francés, un humanista membro do SPCA, un documentarista musical, un idealista dialéctico” (“Markeriana”, Artsept, 1963). Tampouco así se dá rendida conta de quen, varias décadas despois, se destapa como videoartista e bricoleur tecnolóxico, realizando -como se recordaba recentemente ao presentar a súa obra na Cinemateca de Quebec- “un videoclip aos 69 anos, unha instalación aos 74 e un cd-rom aos 76...”. Marker, en efecto, comezara a traballar coas novas tecnoloxías e a presentar o resultado en museos e galerías. Exceder así os límites da institución cinematográfica nun despregamento de actividade insólito nun septuaxenario -agora xa octoxenario- non serviu para facer máis accesible a súa obra, dividida entre os comisarios que a programan sen coñecer quizais a súa prolífica filmografía e as canles cinematográficas que se limitan a proxectar obras en monocanal...
A esta condición fronteiriza de viaxeiro entre soportes e institucións e autor dun corpus que desafía toda definición, únese a tradicional cortina de fume espallada sobre a súa figura por Marker, un artista cuxo mesmo nome é un pseudónimo e que tende a reinventar a súa biografía como se remonta unha película. O pouco que se sabe de Marker, o home, baséase en rumores certificados (Print the legend!). Naceu en París ou en Mongolia. Quizais procede doutro planeta. Ou do futuro, como algúns dos seus personaxes (é fácil saber cal, en toda a súa obra pódense contar cos dedos dunha man), aínda que é máis exacto pensar nel, como dixo alguén, como un home do século XVIII e do XXII a un mesmo tempo. Gústanlle os gatos, as curuxas e algunhas causas políticas. Pero é o Salinger do cine, non se deixa fotografar ou cando llo piden manda a foto do seu gato, e desanima (comprobámolo) aos que queren dar a coñecer, por escrito ou sobre unha pantalla, o seu traballo: prefire que se vaia descubrindo pouco a pouco, a partir dun círculo selecto de iniciados que se transmiten o segredo e inesgotable atractivo de obras como Sans soleil. Míster Marker segue a ser pois, por vontade propia, un verdadeiro mystère Marker, o que non deixa de ser irónico en quen é tamén un consumado retratista: quizais haxa que buscar o seu autorretrato nos que foi facendo de amigos e compañeiros de viaxe, de Medvedkine a Tarkovski, de Simone Signoret a Yves Montand...
O que descubrirá quen busque a Marker no seu traballo cinematográfico e poscinematográfico é unha obra chea de pasaxes -pasadizos interconectados, máis ben- que inventou hai tempo o hipertexto antes de que tal concepto existira. Unha obra que volve sobre si mesma expandindo temas e preocupacións tratados anteriormente, unha obra chea de motivos recorrentes e vínculos internos que o propio Marker fixo explícitos nalgúns dos seus traballos multimedia recentes. Percorrer esas pasaxes por vez primeira ou revisalas de forma sistemática como se propón con este ciclo é un labor tan fascinante como urxente: Chris Marker segue sendo un referente obrigado en calquera relato que reconstrúa o devir audiovisual da segunda metade do século XX. Coa mirada posta no XXI”.
Antonio Weinrichter e María Luisa Ortega
Agradecementos: Antonio Weinrichter, María Luisa Ortega, Ministerio de Asuntos Exteriores / Embaixada de Francia, Museo de Bellas Artes de Bilbao, Filmoteca Española, Les Films du Jeudi (Francia), Argos (Francia), Light Cone (Francia), ISKRA (Francia), Forum des Images (Francia), Les Films de L´Astrophore (Francia), Winter Films (Francia), Cinemateket-Svenska Filminstitutet (Suecia), Israel Film Archive / Jerusalem Cinematheque (Israel), British Film Institute (Gran Bretaña).