![El amigo americano](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/amigo_americano.jpg?itok=fedMshpI)
El amigo americano
Der amerikanische Freund
Dennis Hopper, Bruno Ganz, Lisa Kreuzer, Gèrard Blain, Nicholas Ray, Samuel Fuller
- 128 min.
O marchante americano Tom Ripley tenta poñer a proba a integridade de Jonathan Zimmermann, un humilde fabricante de marcos que padece unha enfermidade terminal. Ripley preséntalle un gánster que lle ofrece moito diñeiro a cambio de que traballe para el como asasino a soldo. Nun principio rexeita a oferta, mais, ao pensar no precario futuro que lle espera á súa muller e ao seu fillo despois da súa morte, acaba aceptando o trato.
- Ano:1977
- Países de produción: Alemaña, Francia
- Guión: Wim Wenders, Patricia Highsmith (argumento)
- Fotografía: Robby Müller
- Produtora(s): Road Movies Filmproduktion, Wim Wenders Productions, Les Films du Losange, Westdeutscher Rundfunk (WDR), Bavaria Film, Filmverlag der Autoren
'A busca, a ausencia e a pantasma do cine americano', en Nosferatu nº16
Carlos Losilla
"Todo ten que cambiar": esta é a mensaxe que Robert Lander (Hanns Zischler) deixa a Bruno Winter (Winter, como o Philip Winter de Alicia nas cidades, ambos Rüdiger Vogler: ¿é o inverno do noso descontento da historia das imaxes?) ó final de No curso do tempo (Im lauf der zeit, 1976). A película, neste sentido, é un punto e aparte na filmografía de Wenders, un resume e á vez un novo comezo. O tema da ausencia amplifícase, inunda toda a estructura da película: da composición do plano (un branco e negro sen aristas, máis preto do gris ca doutra cousa, con multitude de espacios valeiros tanto nas marxes como no centro) ó propio engarce entre as secuencias (máis subliñado que nunca, alleo a toda fluidez, e máis temático ca causal). Pero tamén da ausencia da muller (Robert foi abandoado pola súa, mentras que Bruno, xa un solitario por decisión propia, é incapaz de establecer novas relacións, como demostra o seu encontro coa taquilleira interpretada por lisa Kreuzer) á ausencia do pai (non só a do pai real de Robert, a quen só volve ver para axustar contas, senón igualmente o dos pais "históricos": o busto de Hitler co que carga Lisa Kreuzer, ou a referencia a Fritz Lang, análoga á referencia a John Ford de Alicia nas cidades). No curso do tempo, así, é a película da orfandade de Wenders: orfandade dunha Alemania ferida, escindida, confusa, pero tamén dun modelo vital e/ou cinematográfico que dea sentido ás relacións humanas e a unha herdanza artística cun colapso que se fai aquí evidente máis ca nunca. Existe, si, o coidado do detalle, o respecto pola realidade, pero o valeiro que - paradoxicamente- enche todo o film deixa ben claro que iso xa non abonda. No curso do tempo é o cumio do cine "moderno" dos anos 60 e 70, pero tamén a súa acta de defunción, posto que pon de manifesto a imposibilidade de establecer unha continuidade coa tradición do cine norteamericano: a realidade desarticulada só conduce á confusión e ó tedio existencial (...). Por iso "todo ten que cambiar". E ese "todo", entre outras cousas, inclúe a relación de Wenders coa herdanza cinematográfica americana.
Pois ben: a resposta lóxica ás inquedanzas de No curso do tempo titúlase, precisamente, O amigo americano (Der amerikanische freund, 1977) e supón un intento, por parte de Wenders, de redefinir os papeis. De entrada, a película expón xa desde un principio as relacións entre un europeo e un norteamericano, entre o assen Jonathan Zimmerman (Bruno Ganz) eo aventureiro Tom Ripley (Dennis Hopper), entre un home que vive apaciblemente coa súa familia e outro que vagabundea por todo o mundo: é dicir, entre o cine europeo (a contemplación, a reflexividade) e o cine americano (a acción, o desprazamento). Cando Ripley se introduza na vida de Jonathan, todo cambiará para el, e deberá enfrontarse cara a cara por primeira vez coa violencia, co medo, coa morte. Wenders, deste xeito, instala repentinamente, no seu universo estático e valeiro, un modelo narrativo forte, e o fai baixo a invocación da figura do pai non só o pai-amigo representado por Ripley, iniciador e guía, á vez Virxilio e Beatriz (a homosexualidade suxerida é evidente, como no caso Bruno-Robert de No curso do tempo), senón tamén o pai-educador, a sabiduría do pasado que ven instalarse no presente, a presencia soberana de Nicholas Ray e de Sam Fuller, os deuses moribundos que aínda teñen forzas para desencadear a historia, a narración que virá encher os inevitables valeiros da vida de Jonathan.
O pai americano, pois, ademais de amigo. Nesta película, Wenders por fin realiza unha primeira identificación entre a figura do pai e o cine americano, entre a orfandade narrativa do cine europeo da época e a necesidade dunha renovación ("Todoten que cambiar"), para chegar a unha doble conclusión: ó igual que ocorre nas relacións humanas expostas no film, encauzadas cara unha certa plenitude (aínda que ó final resulte enganosa) pola vía da paternidade-antistade, tamén no terreo do cine é necesario un modelo, unha referencia obrigada, algo, en fin- ó que agarrarse, como Jonathan se agarra á man salvadora de Ripley para non caer do tren. E ese algo, nun fácil xogo de palabras, é o marco narrativo no que Jonathan, o constructor de marcos, debe poñer a súa vida se desexa situala, encher as ausencias de sentido (...). O amigo americano pecha, así, o ciclo aberto con Same player shoots again, exactamente dez anos antes: agora unha historia filtrouse nos valeiros, e o cine (o amigo, o pai) americano está presente na ficción non só no nivel das pegadas, dos fetiches, dos detalles, da mirada, senón tamén no fluxo da vida, nunha certa ordenación dos acontecementos.