Esenciais: Wim Wenders
Do 27 de xaneiro de 2024 ao 29 de febreiro de 2024
Se se revisa a súa biografía e se percorre a súa traxectoria cinematográfica, podemos constatar que Wenders é un cineasta nómada e políglota cuxas raíces se estenden máis aló do seu país de orixe. De feito, como comenta Antonio Weinrichter, un día mudouse para se instalar no planeta cine. Viaxar e filmar retroaliméntanse mutuamente na súa persoa. Ata antes de se converter en facedor de imaxes cinematográficas, xa tivo a súa primeira experiencia viaxeira cando, a mediados dos anos sesenta, se traslada a Francia para estudar pintura. De regreso a Alemaña matriculábase en 1967 na Escola Superior de Cine e Televisión de Múnic. En 1970, e tras realizar varias curtametraxes, onde xa aparecen as tensións dialécticas que se van manifestar ao longo da súa obra, roda como traballo de licenciatura a súa ópera prima: Summer in the City. Dedicated to the Kinks (1970). (…) Mais se hai un lugar que visita de maneira recorrente, ese é Estados Unidos. Alí estivo rodando, ao comezo da súa carreira, en Virxinia e Nova York, Alicia en las ciudades (Alice in den Städten, 1973). Volveu a Nova York para filmar un puñado de inquietantes imaxes dese mítico relato itinerante que é El amigo americano (Der amerikanische Freund, 1977). A paisaxe americana téntao e, abofé, nun momento da súa viaxe cinematográfica emprende a súa verdadeira aventura americana.
(…) En plena consonancia con ese espírito viaxeiro, os traxectos, as estradas, os automóbiles e o nomadismo, entre outras moitas cousas, están presentes de maneira recorrente nunha parte significativa do seu cine. O seu discurso configúrase a partir da obsesiva atracción que sente Wenders polo ser errante que fai do nomadismo unha forma de vida: “Sempre me gustou a estreita relación entre movemento e emoción. De cando en vez dáme por pensar que nas miñas películas a emoción nace do movemento.” E loxicamente, no seu cine o movemento adquire, a maior parte das veces, a forma de viaxe ou traxecto. Wenders afirma que a estrutura narrativa que máis convén ao cine é a viaxe. Este constrúe, no caso do cine de Wenders, o relato, e as súas historias nútrense deseguida dos avatares e incertezas do desprazamento.
(…) Personaxes no camiño; estradas sucadas por automóbiles; pantasmas errantes na procura dunha identidade; olladas penetrando nunha xeografía, ás veces cambiante, ás veces a mesma… Ideas e imaxes que, a modo de humus, fertilizan algunhas das súas películas. Ou, o que é o mesmo, o seu cine fálanos do desprazamento físico, dos traxectos interiores, da viaxe como modo de vida, da necesidade de cambio… Mais tamén da distancia entre dúas cidades, ou sexa, do camiño que as une ou as separa, dos itinerarios marcados sobre o feixe do tempo, das paisaxes soñadas e dos falsos movementos.
(…) A presenza dese poderoso pai que é o cine americano, alén da angustia que ás veces lle provoca, vaina canalizando positivamente, algo que se pode apreciar xa en El amigo americano e que se manifesta definitivamente en Paris, Texas, que confirma, en tanto filme que versa sobre América, e non soamente sobre as súas relacións con América, a súa progresiva e asimilada experiencia americana. Nas súas relacións co cine americano, pódese destacar a súa estreita vinculación co cine de xénero, o cal demostra o arraigado que ten no seu imaxinario persoal o universo América. Algúns filmes seus pódense entender, en certa maneira, como traxectos que percorren algunhas das paisaxes e rexións xenéricas do cine clásico americano: cine negro, melodrama, western (e a derivación moderna deste último, o cine de estrada)… A ficción americana de xénero alimenta o seu discurso fílmico.
José Antonio Hurtado, extractos de “Wim Wenders, cineasta transfronterizo”, en Carlos Losila, José Enrique Monterde (eds.), Paisajes y figuras: perplejos. El Nuevo Cine Alemán (1962-1982). Festival Internacional de Cine de Gijón, IVAC-La Filmoteca, Centro Galego de Artes da Imaxe, Filmoteca Española. Valencia, 2007.