A Filmoteca de Galicia abre unha retrospectiva sobre o realizador brasileiro Leon Hirszman

  • No mes de xuño continuarán os ciclos sobre o cineasta xaponés Yasujirō Ozu e o profesor e guionista galego Daniel Domínguez.
  • O venres 14 terá lugar a proxección dos traballos finais filmados polo alumnado do programa ‘Cinema en curso’.
  • ‘Diversimacine’ ofrecerá unha selección de curtametraxes de ficción e documental con foco na inclusión e a diversidade, da man do Festival DiversidArte da Coruña.
A Filmoteca de Galicia abre unha retrospectiva sobre o realizador brasileiro Leon Hirszman

A Filmoteca de Galicia dedica na súa programación de xuño un ciclo ao cinema de Leon Hirszman, programado en colaboración co festival Play-Doc de Tui, que acolleu o pasado mes de maio a primeira retrospectiva europea sobre o cineasta brasileiro. A continuidade dos programas dedicados a Yasujirō Ozu e a Daniel Domínguez, así como a proxección dos traballos finais de Cinema en Curso son outras das citas destacadas coas que se despedirá a temporada 2023-2024 na cinemateca da Xunta.

Tras a súa prematura morte, aos 49 anos, o nome de Leon Hirszman foi crecendo en recoñecemento no cinema brasileiro. Formou parte do grupo fundador do Cinema Novo, movemento no que se encadra a súa primeira curtametraxe, Pedreira de São Diogo (1962), que se poderá ver na sala José Sellier o día 18 de xuño xunto con outras tres pezas: Maioria absoluta (1964), Nelson Cavaquinho (1969) e Partido alto (1982).

Hirszman dirixiu películas que puxeron ao descuberto, entre 1960 e 1980, as profundas contradicións arraigadas na formación social de Brasil. Con forte inspiración comunista, nos seus filmes reflexiona sobre a loita de clases e obreira, retratando as folgas que tiveron lugar no seu país. Herdeiro do realismo e con gran compromiso político, foi particularmente sensible á música popular, que consideraba unha manifestación social e a auténtica representación colectiva da tradición cultural brasileira, polo que produciu algúns dos documentos máis valiosos da historia do samba. Esta retrospectiva recupera as súas catro longametraxes máis importantes: A falecida (21 de xuño), São Bernardo (19 e 20), Eles não usam black-tie  (día 27) e o seu filme póstumo ABC da greve (25 e 26).

Antes de retomar a programación propia, a cinemateca despide a (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, que desde o pasado 31 de maio vén celebrando na sala José Sellier unha parte central do seu programa, con pezas de Narcisa Hirsch, programas dedicados a Morgan Fisher, Annalisa Quagliata e Rhayne Vermette e a homenaxe ao cineasta norteamericano Kenneth Anger. Precisamente hoxe domingo péchase a carteleira da (S8) con Ste. Anne,  de Rhayne Vermette.

 

Máis de Yasujirō Ozu

A Filmoteca de Galicia segue  coa retrospectiva sobre o cineasta xaponés Yasujirō Ozu, un dos directores máis influentes do cinema contemporáneo. Durante este mes, a sala José Sellier da Coruña exhibirá máis obras ambientadas na posguerra (1947-1962), a etapa máis coñecida do director. É o caso de Crepúsculo en Tokio (11 e 12 de xuño), Flores de Equinoccio (14 e 15 de xuño), La hierba errante (18 e19 de xuño), Buenos días (21 e 22 de xuño), Otoño tardío (25 e 26 de xuño), El sabor del sake (28 e 29 de xuño) e Principios de verano (28 de xuño). En todos estes filmes, Ozu repite moitos dos seus temas habituais, desde o contraste entre o Xapón tradicional e os novos aires de Occidente ata o enfrontamento entre xeracións. Despois do verán, o ciclo continuará con películas da súa etapa muda e as primeiras sonoras, todas anteriores á Segunda Guerra Mundial.

Baixo o título Daniel Domínguez no cine, en xuño tamén continúa o ciclo que lle rende homenaxe ao traballo deste profesor de cine e guionista galego, falecido en 2020. O programa toma como punto de partida as entradas do seu blog La escuela de los domingos e está pensado como unha sorte de "carta branca" con algúns dos seus títulos favoritos. É o caso de Tralas luces, de Sandra Sánchez (11 de xuño) e El bazar de las sorpresas, de Ernst Lubitsch (13 e 14 de xuño).

 

Diversimacine: reflexión sobre inclusión e diversidade

Da man do Festival DiversidArte, un festival de Artes pola inclusión e a diversidade organizado polo colectivo Poten100mos, a Filmoteca de Galicia ofrecerá o ciclo Diversimacine os días 12 e 13 de xuño, cunha escolma de curtametraxes de procedencia diversa e con entrada de balde.

Na sesión do día 12, dedicada á ficción, proxectaranse El puro, Masoud Mashouf (Irán), Bailanysh (Conexión), de Zhandos Dzholdoshov (Kirguistán), O coidado, de Miguel Canalejo (España), El nuevo barrio, de Víctor Izquierdo (España), I, Lina, de Luana Lou Fanelli (Italia) e Aquella fotografía, de Sergio Barba (España). O día 13 será a quenda dos documentais Don Pacho, de Oscar Gilberto Vesga (Colombia), Desterradas, de Unai Aranzadi (España), 42 Motivos para Luchar contra la Ela, de Fernando Pazin (España), El libro de Mario, de Daniel Chamorro (España) e Butterflies (Mariposas), de Hadi Shariati (Irán).

Na programación mensual da sala José Sellier inclúense outras fitas como Clorindo Testa, de Mariano Llinás (20 de xuño) e a proxección musical Esto es Sunwalk, de Javi SeGa e Enrique do Rosario (27 de xuño), que estará acompañada dun concerto e unha sesión DJ, á que se poderá acceder de balde.

 

Fin de Cinema en curso 23-24

O 14 de xuño a Filmoteca acollerá tamén a sesión de clausura do programa didáctico internacional Cinema en curso, coa estrea das tres películas documentais filmadas polo alumnado participante nesta edición. Trátase de O zoar no ar, a cargo do CEIP A Reigosa (Pontevedra) con titoría de Alejandro Tarraf, Migallas de tradición, polo CEIP de Tenorio (Cerdedo-Cotobade) co acompañamento de Carla Andrade, e Na memoria do muíño, realizado polo CEIP A Rúa (Cangas) xunto con Xaime Cortizo.