
Crepúsculo en Tokio
Tôkyô boshoku / 東京暮色
Setsuko Hara, Ineko Arima, Chishû Ryû, Isuzu Yamada
- 140 min.
Akiko e Takako son dúas irmás que viven co pai nas aforas de Toquio. A nai abandonounas de cativas e provocou un trauma nas nenas que deixou marcada a súa vida adulta. Akiko pasa o tempo en bares e ten unha relación sentimental cun compañeiro da universidade. Takako debe superar unha relación difícil co marido alcólico, que a empurrou a se refuxiar co seu bebé na casa de seu pai. A nai reaparece nas súas vidas inesperadamente.
- Ano:1957
- Países de produción: Xapón
- Guión: Kôgo Noda, Yasujirô Ozu
- Fotografía: Yûharu Atsuta
- Montaxe: Yoshiyasu Hamamura
- Produtora(s): Shochiku
Crepúsculo en Tokio
David Bordwell
Crepúsculo en Tokio representa un caso de afiada loita interna. En xeral, os materiais e dispositivos francamente melodramáticos do filme chocan coa inclinación ozuiana pola suxestión e a estrutura abstracta. Máis concretamente, existe unha loita entre a liña argumental centrada na mocidade e o énfase posto no papel do vello. (...)
Estes ingredientes vense reforzados pola sombría ambientación: fogares apiñoucados, bares de mala morte, un salón de mah-jong, unha fría tenda de fideos, as grises rúas de Toquio. Esta é a única película de posguerra de Ozu que transcorre en pleno inverno, e os personaxes arrímanse arredor das estufas coma se o frío se filtrara a través das paredes. O filme comeza no crepúsculo, e as escenas que seguen convértena na obra máis escura de Ozu dende La mujer de esa noche, con case toda a acción principal tendo lugar de noite ou en interiores sombríos. (En moitos aspectos, o filme é similar á obra de posguerra de Naruse) (...)
O lonxe que viaxamos dende a desorientación lúdica das transicións dos anos 30 faise evidente nun corte directo e moralizante, de Akiko que vai abortar, a outro plano de Michiko paseando pola casa. Un detalle prosaico como o de Kikuko limpando a fiestra do tren na estación convértese noutro toque de patetismo. E mesmo opacos planos de situación, como os de Shukiku e a tía Shige no restaurante, entran na lóxica do severo deseño gráfico da película, de verticais que cortan corpos e constrinxen a figura humana. Así, mentres Takako chora logo de que súa nai marche, pasamos dunha vista frontal a unha vista de noventa graos que remarca as liñas verticais. (...)
Ozu tamén intenta desdramatizar o material. Hai relativamente pouca música non diexética, e esta é inusualmente breve. A música máis destacada, unha alegre melodía de vibráfono, é equívoca en canto ao seu status diexético, e o seu carácter alegre funciona de maneira irónica ante as patéticas situacións. (...) Ozu reflexionou sobre o problema de baixar a temperatura emocional da película: "Sempre que intento manexar un volume tan alto, dalgunha maneira sempre aparecen vibracións... Posiblemente a miña oitava era demasiado baixa; debería ter sido máis alta". (…)
É probable que o material un tanto sensacionalista do filme xurdira dunha reacción ao éxito nesa época das películas xuvenís da "tribo do sol" (taiyozoku) e das acusacións de que os filmes de Ofuma*, especialmente os de Ozu, estaban cada vez máis afastados da vida real. Na súa estrea inicial, Crepúsculo en Tokio suscitou moitos comentarios adversos e acabou no número dezanove da enquisa anual de Kinema Junpo. Como ningunha película de Ozu dende El hijo único lograra situarse por debaixo das dez primeiras, sentiuse conmocionado e doído, e tanto el como Noda consideraron o filme un fracaso. Segue a ser un caso instrutivo das consecuencias da "elevación da oitava" de Ozu. Noda explicouno doutro xeito: "Non ten sentido intentar expresar cousas existentes de forma realista".
* Lugar onde se atopaba o estudio da Shochiku no que traballaba Ozu e dende o que se producían a maioría dos filmes da compañía. (nota do tradutor)
David Bordwell
en Ozu and the Poetics of Cinema, Ann Arbor, MI: MPublishing, University of Michigan Library
2004. (tradución propia do inglés)