![The Cherry Tree with Gray Blossoms [A cerdeira de flores grises]](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/bo_mo_noying_12.jpg?itok=MrcAZF19)
The Cherry Tree with Gray Blossoms [A cerdeira de flores grises]
Usuzumi no sakura / 薄墨の桜
- 42 min.
Hai unha gran cerdeira chamada «A cerdeira das flores grises» nunha aldea do curso alto do río Neo. Calcúlase que ten máis de 1.300 anos e o goberno declarouno monumento natural. Os habitantes de Neo din que foi plantada polo emperador Keitai (507-531 d.C.). Preséntansenos moitas historias sobre a cerdeira cun apracible acompañamento de guitarra e cunha narración que ás veces soa coma un feitizo que encolle o corazón.
A grande árbore con máis de mil anos de historia e lendas floreceu cada primavera, e cada primavera a xente admirou a súa beleza, esvaecéronse os seus pensamentos como os fráxiles pétalos arrastrados polo airiño primaveral.
A propia cineasta, Sumiko Haneda, perdeuse unha vez nos seus pensamentos mentres estaba sentada baixo as flores desta árbore. A película é como un poema visual en prosa onde Haneda mantén unha queda conversa coa árbore sobre a vida e a morte. Comeza a conversa presentándose á árbore, pero esta, por suposto, non responde. Así pois, a conversa é en realidade unha reminiscencia pronunciada cun estilo lixeiramente pausado.
Ao preguntarse de onde vén e onde vai, Haneda capta a natureza transitoria das nosas vidas. A película é unha obra exquisita, que describe un mundo onírico que segue formando parte da nosa realidade actual. (NFAJ)
Subtítulos cedidos por Punto de Vista.
- Ano:1977
- Países de produción: Xapón
- Guión: Sumiko Haneda
- Fotografía: Junichi Segawa, Kiyoshi Nishio, Hiromitsu Wakabayashi
- Montaxe: Sumiko Haneda
- Produtora(s): Mitsuru Kudo
-
How Haneda Sumiko Changed Japan’s Filmscape
Ren Scateni (ArtReview, en inglés)
-
Presentación en Filmoteca de Catalunya
Por Francisco Algarín Navarro
Escena de apertura do filme
Orixinal en xaponés
Declaracións da cineasta sobre o filme
Sumiko Haneda
A partir dos 45 anos, tiven a oportunidade de producir obras que realmente eran miñas. Así fixen A cerdeira de flores grises. É un dos meus principais traballos. Inspireime nunha cerdeira de 1300 anos que descubrín por azar en 1969 (…) Coa miña irmá máis nova como compañeira para o proxecto, pensabamos utilizar os seus poemas para facer unha película breve como unha especie de peza musical que cantase os encomios da árbore. Pero caeu enferma, era un cancro, e faleceu exactamente un ano despois (…). Despois da súa morte, o plan musical inicial desapareceu e sentinme fortemente atraída pola atmosfera fascinante da cerdeira. Mentres conversaba coa árbore, tentei captar o seu aspecto en cada unha das catro estacións. Un ano sería abondo para filmar catro tempadas, pero a rodaxe durou dous anos e medio. Non tiña moito tempo libre. Necesitei un ano e medio máis para rematar unha película que só dura 43 minutos. Cando a fixen, pensaba: “non pasa nada, se ninguén a ve. Farei o que me dea a gana”. Para alguén coma min, que pasara anos facendo películas para Iwanami, converteuse nun acto de procura de min mesma.
(Extracto de Entretiens, témoignages, commentaires, por Teresa Marcos e Ricardo Matos Cabo, revista Débordements, outubro 2022).