Sesión 4: Desilusións
VV.AA, 2011.
91'. Vídeo. Presentación. Entrada de balde.
GREVE
(Portugal, 2011)
Dirección, produción e fotografía: Carlos Ruiz. Duración: 24 minutos.
Cando todos os discursos oficiais proclamaban a suposta e definitiva desaparición das clases sociais a prol dunha grande clase media acomodada, a crise (ou o que se deu en chamar equivocadamente crise) pon de manifesto que non só non era un concepto anticuado, senón que os abismos entre clases, case castas ao modo da India, estaban a se afondaren, a se faceren máis graves e insalvables. Seguen sendo válidas as mesmas palabras para designar unha nova realidade? E sobre todo, serven as antigas estruturas da esquerda para faceren fronte aos novos retos? Carlos Ruiz retrata unha manifestación sindical na primavera portuguesa e, a través dela, a brutal confusión e desorientación dunha sociedade e uns movementos de esquerda aos que a realidade superou amplamente. Desorientada e desorientadora, desesperanzada e desesperanzadora, a película podería ser o equivalente obreiro de The Grounhoud Day, un bucle sen fin e sen sentido, do que non parece posible escapar.
BANDERAS FALSAS
(España, 2011)
Dirección e fotografía: Carlos Serrano Azcona. Guión: Ignacio Cortés e Carlos Serrano Azcona. Produción: ESTAR AHÍ CINEMA. Duración: 67 minutos.
O movemento do 15-M en España é unha das mostras máis claras da subsistencia da loita de clases nunha sociedade que evacuara ese concepto do seu dicionario. O 15-M espertou unha serie de ilusións e esperanzas, non se sabe aínda se esaxeradas ou infundadas. Esta película recolle a explosión do movemento e a súa potencia máis simbólica ca ideolóxica, así como certo desengano posterior; ao mesmo tempo fai dialogar as manifestacións dos indignados con outras, de moi distinta orde, pero igualmente masivas: as da Xornada Mundial da Xuventude que reuniu a miles de mozos en torno ao Papa Bieito XVI nas rúas de Madrid. Ambos feitos provocaron unha convivencia estraña, contraditoria e moi reveladora de dous polos sociais, ideolóxicos e políticos.