MENTRES TANTO…EN PRAZAS E RÚAS
Do 7 de xaneiro de 2014 ao 28 de febreiro de 2014
Un programa comisariado por Josetxo Cerdán e Gonzalo de Pedro.
“A finais dos oitenta, Fugazi converteuse nunha referencia do hardcore en todo o mundo tras a aparición do seu primeiro LP, 13 songs. O disco abríase con “Waiting Room”, tema de menos de tres minutos que era capaz de sintetizar toda a rabia dunha xeración insatisfeita co discorrer das cousas. Se ben as políticas neoliberais que arrasaban entón o mundo –promovidas polo eixe Reagan-Thatcher (cun apoio fundamental por parte do apostolado global do daquela papa, Juan Pablo II)– xa tiveran respostas desde as marxes, nada como a breve canción de Fugazi para aglutinar toda a xenreira e frustración.
Once anos máis tarde, o movemento antiglobalización tomou forma na batalla de Seattle (29 de novembro-3 de decembro de 1999). Asomabamonos xa ao novo milenio e os movementos sociais superaban a etapa da loita (exclusivamente) sindical para propór un novo asociacionismo máis acorde cos tempos. Asociacións ecoloxistas, feministas, pacifistas, de dereitos humanos, estudiantís, etc, tomaban por vez primeira a dianteira (xunto ás sindicais) nestas novas formas de protesta que, aínda que antiglobalización, eran, á súa vez, globais… Un fantasma comezou a percorrer o mundo… ata que a morte de Carlo Giuliani, só un ano e medio máis tarde (xullo de 2001) durante as manifestacións en Xénova a raíz do encontro nesa cidade do G8, deixase tocado o movemento (como ben souberon explicar Maple Razsa e Pacho Vélez no seu film Bastards of Utopia, 2009).
Mais, como nos ensinaron de cativos na escola, como a enerxía nin se crea nin se destrúe, sinxelamente se transforma, así acontece coa rabia e a frustración. O programa Mentres tanto…en prazas e rúas suxírese como un diálogo crítico coa espectadora sobre esa última transformación: Primavera Árabe, Indignados, Occupy Wall Street (OWS), movemento contra a reelección de Putin, mobilización estudantil en Chile… A través dos seus catro programas quere propoñer un debate no que se precipitan a historia, os conflitos, os efectos colaterais e ata as derrotas.
Dos himnos xeracionais, a Internet e a Web 2.0: transformación da zuna e da frustración que seguen aí. E o cine, que tamén mudou. Lonxe nos atopamos xa do vello cine de protesta. Os cineastas que tomaron o relevo adoptan formas híbridas, experimentan coa linguaxe, ou o que é o mesmo, a forma das súas propostas oponse tamén ás formas de contar tradicionais, pero sen perderen a noción da historia. Ou o que podería ser igual: del This machine kills fascist da guitarra de Woody Guthrie ao This machine floats da de Steve Earle. Mentres tanto, en Nova York, Guy Picciotto, baixista e cantante de Fugazi, pon banda sonora aos Newsreels que Jem Cohen realiza sobre OWS. O son da rabia e a frustración segue a resoar nos nosos cerebros” (Josetxo Cerdán e Gonzalo de Pedro).