Sesión 3: Danos colaterais
Ala Eddine Slim, Ismäel e Youssef Chebbi, 2012.
121'. Vídeo. Presentación. Entrada de balde.
BABYLON
(Tunisia, 2012)
Dirección, guión e fotografía: Ala Eddine Slim, Ismaël e Youssef Chebbi. Produción: Exit Productions. Duración: 121 minutos.
Os ideólogos da primeira Guerra do Golfo, en 1991, impuxeron a funesta expresión de danos colaterais para agocharen a terrible realidade dos mortos civís dos bombardeos sobre Iraq. A linguaxe como ferramenta non de comunicación, senón como campo de batalla e barreira para ocultar, distorsionar e perverter a realidade. Sobre estas dúas ideas, os danos colaterais e a linguaxe como barreira, constrúese este filme monumental, retrato da vida dun grupo de refuxiados situado nun campo árido nalgún lugar da fronteira entre Tunisia e Libia. Alí, durante a primavera de 2011, e fuxindo dos combates entre os leais a Gadafi e os seus opositores, refúxianse máis dun millón de persoas de diversas nacionalidades e linguas. Obrigadas a conviviren durante meses, dan como resultado unha enorme babilonia que funciona como metáfora das tensións, contradicións e problemas do mundo máis aló do deserto. A renuncia a calquera subtitulado, ao didactismo, somerxe o espectador na brutal experiencia da desorientación, enfrontado a unhas imaxes que está obrigado, máis ca nunca, a interpretar e a contextualizar.