SESIÓN 1: First Sights / Primeiras Visións (1966-1972)
Gunvor Nelson
54’. 16mm/vídeo. Presentación a cargo de Miguel Fernández Labayen. Entrada de balde.
SESIÓN 1: First Sights / Primeiras Visións (1966-1972)
Dirección: Gunvor Nelson. Duración: 54 minutos.
Take Off (1972). 9’.
Schmeerguntz (1966). 14’.
Moons Pool (1973). 15’.
Kirsa Nicholina (1969). 16’.
En 1953, Gunvor Nelson deixou a Suecia natal para se instalar en California. En 1958 casou co tamén artista Robert Nelson e pasou 1959 a viaxar por España. Ao regresaren aos Estados Unidos, Bob e Gunvor construíron a súa casa en Muir Beach, ao noroeste de San Francisco, onde realizaron as primeiras películas domésticas: Building Muir Beach House (1961) ou Last Week at Oona’s Bath (1962). Porén, non será ata 1965 que Gunvor Nelson e a súa veciña e tamén artista tomen emprestada unha cámara de 16 mm e asinen conxuntamente Schmeerguntz, primeira película da que Nelson se sente responsable. O resultado, unha mirada irónica á América das beauty queens, un exemplo da liberdade creativa e da honestidade que encontramos no cine de Nelson. Así pois, os catro filmes desta sesión son fundamentais para entendermos o sentido lúdico, o rigor formal e o compromiso artístico da súa carreira. Take Off, Schmeerguntz, Moons Pool e Kirsa Nicholina preséntanse como apaixonantes exercicios de aprendizaxe en que a ética e a estética converxen nun cine persoal de gran beleza, non exento dun fino sentido do humor. O fío vertebrador da sesión é a atención ao corpo feminino, que a directora retrata de forma próxima e atenta, a experimentar coa linguaxe audiovisual para potenciar a expresividade das políticas corporais.