![Tralas luces](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/tralas-luces.jpg?itok=9ezG8M4P)
Tralas luces
- 112 min.
Segue a vida nómade de Lourdes, quen en compañía da súa familia percorre as feiras do norte de España coa súa pista de autos de choque.
-
Daniel Domínguez no cine. A propósito do libro "Las costuras del guion"
Tralas luces
Versión lingüística:VOFormato:DCP
- Ano:2011
- Países de produción: España
- Guión: Sandra Sánchez
- Fotografía: Sandra Sánchez
- Montaxe: Sandra Sánchez, Nahum C. Fiuza
- Produtora(s): Tic Tac Producciones, Ukbar Filmes
Tralas luces
Daniel Domínguez
O cinema moderno ten transitado as pasaxes entre o presente e a súa representación, entre os corpos e os personaxes, entre un e outro lado da cámara; e podemos percorrer ese tránsito a través das feridas do real na pel do cinema. Esas feridas representan a vertente máis fecunda do cinema moderno. É inevitable recordar a Rossellini e Renoir, e os seus filmes con Ingrid Bergman. Dun lado, o cinema tratou de arrincar a máscara do personaxe á muller que o encarnaba para mostrar a carne viva, o espido do ser, como en Stromboli; doutro, fixo das máscaras un espello das máis íntimas conmocións, como en Elena y los hombres. Entre o espido e a máscara transita o retrato de Lourdes en Tralas luces, unha viaxe interior con pegadas no visible e unha viaxe exterior con reverberacións do invisible, entre un corpo espido de personaxe e un personaxe encarnado nun corpo. Nese tránsito cífrase a riqueza fílmica da película de Sandra Sánchez.
Outra resonancia vén de Nicholas Ray, o cineasta dos errantes (o seu último filme, inacabado, leva por título Nunca volveremos a casa). Acordeime de The Lusty Men (1952), porque nalgúns planos de Lourdes atopaba ecos de Louise (Susan Hayward) na porta da caravana que ve afastarse o soño dunha casa propia, como lle sucede á propia Lourdes, aquel fogar con tantas escaleiras co que fantaseara e polo que se enterrou baixo a hipoteca de corenta toneladas dunha pista de coches de choque. Mais debo precisar que estas referencias desenvólveas un, non porque as manexara Sandra mentres construía Tralas luces, cónstame que se despoxou de calquera referencia cinéfila á hora de abordar o proxecto, para atopar as formas que deran abrigo á súa mirada; só trato de trazar os fíos que conflúen no seu filmes e dar conta da pregnancia das súas imaxes.
Se hai algún don que aniña nas imaxes que callaron no cinema e choven dende a pantalla sobre a nosa mirada é o don de imaxinar -e aínda de ver- o que non está nos planos senón entre os planos. É o don de transfigurar o real en forma preñada de sentido e a película en cinema. E ningún personaxe de Tralas luces como Arturo, ese home calado, unha figura case espectral que parece saído dun western crepuscular -un John Carradine-, para despertar ese más alá ou máis acá das imaxes, que se nos gravan na mirada e destilan memoria, como ese plano no que o vemos de noite, entre a pista dos coches de choque e a caravana, revisando as instalacións, tras as luces da festa, tras a festa deste mundo, fóra xa do tempo, nalgún lugar que só podemos idear. Dicía Clarice Lispector que escribir é usar as palabras, para pescar o que non é palabra. O mesmo pode dicirse do dispositivo de Sandra Sánchez en Tralas luces. Por iso a nosa mirada vai alén do visible.
Daniel Domínguez
en ‘El viaje detrás de las luces’, publicado no seu blog La escuela de los domingos. Tradución propia do castelán.