(S8) XVII MOSTRA DE CINEMA PERIFÉRICO
Do 2 de xuño de 2026 ao 6 de xuño de 2026
Este ano 2026, A Coruña será un dos mellores lugares para avistar a eclipse solar total que haberá en agosto. Seguindo este movemento astral, o tema da imaxe do (S8) deste ano son as eclipses, que aparecerán nun par de puntos clave da nosa programación. Por unha banda, cun programa temático (que se poderá ver na Filmoteca) que baixo o título «O obturador astral» recolle algunhas películas ao redor dese tema, incluíndo obras de cineastas como Larry Jordan, Georges Méliès, Bill Morrison e os portugueses Gusmão e Paiva, entre outros. Doutra banda, a través do programa dedicado á cineasta estadounidense Jeanne Liotta, figura salientable do cine experimental norteamericano desde os anos 90, e cuxo traballo ten unha vertente que xira precisamente ao redor da observación científica dos fenómenos cosmolóxicos. A inauguración do festival na Domus correrá ao seu cargo coa performance Path of Totality, que emula unha eclipse, e tamén pechará a programación en sala cunha sesión dedicada ás súas películas «astrais».
Alén das eclipses, a programación do (S8) segue no seu afán de querer trazar unha historia do cine experimental en Super 8, presente desde a súa primeira edición. Nesta ocasión contaremos co canadense John Porter, alcumado «o rei do Super 8» e figura clave do underground canadense. Porter, que realizou máis de 300 películas desde 1968 e é unha figura esencial da vangarda, traerá unha escolma da súa obra que se proxectará no seu formato orixinal, único xeito posible de vela pois non está dixitalizada. Os filmes e performances de Porter combinan un espírito lúdico cun pensamento rigoroso e intelixente ao redor das posibilidades únicas do Super 8. Do pensamento ao redor do dispositivo tamén informa o traballo da belga Els van Riel, cuxas películas son unha investigación empírica ao redor da luz, á óptica e aos dispositivos de captura e proxección do cine. Poderemos ver na Filmoteca a súa longametraxe Gradual Speed, unha obra única cuxas gradacións só é posible apreciar integramente a través da súa proxección en 16 mm. A técnica, entendida no sentido arrebatado e místico de Val do Omar, é tamén esencial nas creacións do artista mexicano Bruno Varela, que nos visita con dous programas (con performances incluídas) e unha instalación na Fundación Luis Seoane. Cun cine político e futurista, Varela define a súa obra como «estruct-rural» ou «nahual», apelando ás raíces do territorio no que traballa. No labor de historiografía mencionado máis arriba, é crucial o traballo de institucións como a Kinothek Asta Nielsen, organización radicada en Frankfurt dedicada a preservar e difundir o cine feito por mulleres e persoas queer. As súas fundadoras, Karola Gramann e Heide Schlüpmann, tráennos un programa ao redor da escena do cine alemán dos anos 80 e 90 que propiciou o nacemento da Kinothek, alén dunha masterclass ao redor da súa historia.
As seccións fixas do festival toman forza este ano: contaremos con tres sesións de Sinais, onde as películas de Galicia, España e Portugal máis sensibles e afíns ao espírito da Mostra se reúnen; na Filmoteca veremos unha sesión na que, alén de poder ver o resultado das bolsas BAICC do (S8) da man de Juana Robles, veremos filmes de Esperanza Collado, Valentina Alvarado Matos, Claudia Claremi, Francisco Burneo, Orisel Castro e York Neudel nunha sesión dedicada á observación de distintas cidades desde ollos foráneos. Sinais Latinoamérica continúa o labor de achegar ese continente ás nosas costas, cunha formulación decolonial pero á vez atenta aos discursos íntimos e privados. A sección Desbordamentos, no patio da Fundación Luis Seoane, céntrase na film performance e o cine expandido. Desde propostas de creadores novos como Guillermo Braga e Pablo Agma, a veteranos da música como Los caballos de Düsseldorf, a performances centradas no legado cultural das mulleres como a da portuguesa Beatriz Freire, ao redor do labor de tecer, a da colombiana Paola Guzmán Figueroa, que trenza as relacións interxeracionais co simbolismo da auga e o cabelo, e a da tamén portuguesa Tânia Dinis, na que revisa os saberes ancestrais das curandeiras e «bruxas».
por Elena Duque
O obturador cósmico
Sinais 1
John Porter 1
Gradual Speed
Masterclass Kinothek Asta Nielsen