Sinais 1
- 77 min.
Béal
Juana Robles | 2026 | Galicia, O Canadá | 16 mm a dixital | 35 min
Proxecto seleccionado BAAIC 2025
Béal é un filme en 16 mm que explora as historias entrelazadas, as comunidades e a vida cotiá de Cabbagetown e Regent Park, en Toronto. Estendéndose ao val e río Don —terras e vías de auga utilizadas durante séculos polos pobos indíxenas como rutas de encontro, pesca e desprazamento—, o filme sitúa estes barrios dentro dunha paisaxe de historia e movemento máis ampla. A zona, marcada posteriormente pola inmigración irlandesa durante a fame de 1847, evolucionou a través de contextos de pobreza e asentamentos obreiros e coa creación de Regent Park como o primeiro gran proxecto de vivenda social a grande escala no Canadá. Na actualidade, os ciclos de reurbanización e xentrificación continúan a transformar estes barrios e xeran, así, novas tensións e desafíos. Mediante colaboracións íntimas con residentes e traballadores comunitarios, Béal reflexiona sobre a resiliencia, o desprazamento e as perdurables conexións entre pasado e presente no mutable tecido urbano da cidade.
Banana Plant
Claudia Claremi | 2026 | España | Super 8 e 16 mm a dixital | 5 min
Unha familia portorriqueña que vive en Rochester (Nova York) coida con dedicación os plataneiros do seu xardín. Coa chegada do inverno, desenterran as plantas e lévanas ao interior para as protexer do frío. Cando arrinca a primavera, as árbores regresan á terra, o cal marca un ritual cíclico que se repite ano tras ano. A través deste xesto de coidado, Migdalia e Fernando sosteñen un vencello vivo coas súas raíces e a súa práctica convértese tanto nun acto de resiliencia coma nun xeito de negociar a identidade diaspórica.
Formosa’s Paradox
Esperanza Collado | 2026 | España | Super 8 | 12 min
Rodado en Super 8 en localizacións como o Yuan Lexislativo, Liberty Square, o National Human Rights Museum ou a sede de TSMC, o filme traza en tres movementos unha cartografía íntima da identidade taiwanesa: dende a exuberancia vexetal e a espiritualidade budista e taoísta, pasando pola fascinación sensorial de Taipei —coa voz de Tehching Hsieh a cuestionar o cinema dende dentro—, ata unha exploración dos símbolos da democracia taiwanesa xustapostos cos residuos do pasado autoritario do KMT. A película conclúe no verán de 2025, durante a «grande vaga de revocatorias», campaña cidadá sen precedentes para destituír decenas de lexisladores do KMT, acusados de favorecer os intereses de Pequín e socavar as capacidades de defensa de Taiwán, mais que en última instancia fracasou. Unha pregunta vertebra a obra: pode existir a utopía no seo da ambigüidade permanente? Ou é precisamente ese lugar entre dous mundos o que define a subxectividade taiwanesa de hoxe?
tocant la llum
Valentina Alvarado Matos | 2026 | España | 16 mm a dixital | 6 min
Tocant la llum é unha película construída a partir de encontros e obradoiros con catives en Vic, en colaboración coa comunidade do Gurdwara Guru Teg Bahadur e o Museu d’Art Medieval (MEV). O filme recolle as miradas, xogos e acenos das persoas pequenas, explorando os seus xeitos de comprender os tránsitos entre o dentro e o fóra e como as infancias habitan os espazos sagrados.
Mirar y aprovechar
Orisel Castro e York Neudel | 2026 | España | 16 mm a dixital | 15 min
Con ollos migrantes chegamos a un barrio valenciano encantador, bordeado polo mar Mediterráneo. As laranxeiras florecen aromáticas entre murais que berran polo abandono e o desafiuzamento. O Rastro condensa a esencia da especulación a escala reducida; ponse á venda todo tipo de obxectos que foron rescatados do naufraxio da memoria. Os espellos, as louzas, as fotos domésticas. É aí onde empeza un paseo sonoro e visual en que os pequenos tesouros, as fachadas das casas, as ruínas e as ondas lles fan eco a outros tempos, outras familias e outras costas.
Vereda
Francisco Burneo | 2025 | España | 16 mm | 4 min
Filmada nunha soa rúa, a película observa como os edificios se repiten ata construíren unha forma común, feita de luz e superficie. Explora a maneira en que vemos o cotián, como a profundidade se achanda e a imaxe se torna nun espazo onde a mirada se detén. É un estudo sobre a percepción e a distancia mínima que separa o que está aí do que alcanzamos a ver.
-
(S8) XVII MOSTRA DE CINEMA PERIFÉRICO
Sinais 1
Versión lingüística:VOFormato:DCPPresentación e coloquio con cineastas. Entrada de balde.




Sinais: o visor da mente
Elena Duque
Se hai algo que fai que a arte sexa emocionante é a súa capacidade para traducir a visión do mundo das persoas que o practican. A palabra latina imago significa «imaxe, retrato, sombra, pantasma», e dela vén imaxinación, que nos suxire a idea de «formar unha imaxe mental». A mente é un dominio pechado, privado, mais o cinema facilita que esas imaxes mentais poidan saír ao mundo e, xa que logo, á contemplación comunitaria. Do feixe de luz do proxector emerxen esas sombras, esas pantasmas, a imago mental. E é no cinema experimental onde realmente se lles pode dar libre curso: ao librarnos das constricións narrativas e de calquera regra predeterminada, é o medium perfecto para esta tarefa.
A sección Sinais ofrece cada ano unha pantalla que funciona como visor da mente de todos eses seres imaxinantes de España, Galicia e Portugal que convocamos. Cada unha das tres sesións que propomos convida a unha viaxe diferente.
O programa 1 está composto dunha serie de filmes que trazan unha visión e unha cartografía privadas de varias cidades, en todos os casos miradas por persoas que non son orixinarias delas. Quen vén de fóra trae unha bagaxe persoal e cultural que fai que a súa mirada se pouse sobre detalles non connotados, novos aos seus ollos. Béal, de Juana Robles (quen foi beneficiaria da última edición de BAICC), ensínanos diversos recantos dun barrio de Toronto cuxas imaxes son tinguidas polos (duros) testemuños de vida daqueles que o foron habitando. Claudia Claremi fai en Banana Plant unha delicada analoxía entre esa planta e unha parella de migrantes caribeños en América do Norte: esa clase de transplantes sempre vén cunhas condicións especiais. Esperanza Collado, no seu caso, lévanos a Taiwán en Formosa’s Paradox; hai un punto de estrañeza e fantasía nas imaxes e sons que Collado nos ofrece dese país que suxire esa mirada curiosa, allea, que casa coa paradoxal situación a que fai alusión o título: a dun Estado independente non recoñecido de maneira unánime. Pola súa banda, tocant la llum, de Valentina Alvarado Matos, redobra a estrañeza encantada permitindo que nos adentremos nunha comunidade india en Cataluña. Alvarado Matos, migrante en territorio catalán, observa dun modo particular unhas persoas coas cales comparte condición, mais dunha cultura diametralmente oposta. Mirar y aprovechar amósanos o xeito de procuraren o seu sitio en El Cabanyal, en Valencia, dúas persoas vidas de Cuba: Orisel Castro e York Neudel. A recolección de obxectos no Rastro convídanos a pensar que é o que se aproveita e que o que se desbota tamén en relación co propio cinema. Finalmente, o ecuatoriano Francisco Burneo fai en Vereda unha sorte de estudo formal e xeométrico da arquitectura de Madrid. Nesa figura de pezas que encaixan que nos presenta, nun momento dado hai cabida para o ser humano. Os fogares non son as casas, senón as persoas.