(S8) 4ªMOSTRA DE CINEMA PERIFÉRICO
Do 1 de maio de 2013 ao 30 de xuño de 2013
En colaboración con (S8) 4ª Mostra de Cinema Periférico.
“O (S8) vai xa pola súa cuarta edición, consolidándose como unha cita única dentro do noso país, non só pola súa aposta estética (e ética), senón como modelo de supervivencia baseada no entusiasmo e no rigor. Comezando unha nova e necesaria vía de exploración das vangardas mundiais pasadas e presentes, este ano a Mostra dedica unha edición especial a Arxentina, grazas á feliz e esperada confluencia que é a continuación e ampliación dunha das obras experimentais máis epifánicas e especiais que o Super 8 viu xamais: a de Claudio Caldini, quen desde os anos 70 pon en práctica unha visión absolutamente persoal e arrebatadora do cine. Anos despois, unha nova xeración continúa os seus pasos con parecido afán de descubrimento e personalidade propia: Pablo Mazzolo, Pablo Marín e Sergio Subero. Ademais desta ponte, a programación da Mostra tende outras á cinematografía arxentina: desde unha exploración da historia agochada das súas vangardas (con obras de autores como Narcisa Hirsch ou Jorge Honik), ata unha viaxe polo legado do cine amateur dos filmes preservados pola colección ARCA (Archivo Regional de Cine Amateur). Para pecharmos este círculo, o CGAI volve participar como unha das súas sedes levando ao seu programa parte da programación do (S8). Fernando Martín Peña e Fabio Manes (Espacio de Recuperación y Conservación del Cine Nacional Argentino) traen unha mostra breve pero significativa que abre con pezas recuperadas de cine mudo, pasando polo cine da idade de ouro nos anos 50, para pechar lembrando unha figura clave como é Leonardo Favio coa súa ópera prima Crónica de un niño sólo, considerada a mellor película do cine arxentino.
Outro camiño vén de volta desde Arxentina a Galicia: a presenza este ano no Bafici da obra intensa e paisaxística de Lois Patiño. E, para continuarmos coa exploración de camiños experimentais e espirituais, (S8) e o CGAI co-organizan O descoñecido: cine, percepción e estados alterados. Ben Rivers e Ben Russell, ciclo que fai converxer a obra de dous dos cineastas do momento, Ben Rivers e Ben Russell, no contexto desa inmersión no primixenio perseguida polas vangardas”.
Elena Duque, (S8).
O programa O descoñecido: cine, percepción e estados alterados. Ben Rivers e Ben Russell está comisariado por Garbiñe Ortega.
Agradecementos: Dirección General de Asuntos Culturales del Ministerio de Relaciones Exteriores y Culto de la República Argentina, INCAA, Museo del Cine Pablo Ducrós Hicken, Consulado General de la República Argentina en Vigo, Embajada Argentina en España, Fabio Manes, Fernando Martín Peña, Lois Patiño, Garbiñe Ortega.