O descoñecido4: Alma colectiva
Sesión traballos Ben Rivers e Ben Russell, 2013
Presentación. Entrada de balde.
O descoñecido: cine, percepción e estados alterados
Ben Rivers e Ben Russell revisitados
O cine é unha revelación inexplicable. É un médium que transcende o tempo e o espazo e redefine o concepto de ubicuidade. O cine rétanos a romper os patróns a través dos cales (cremos que) vemos e entendemos o mundo. Empúrranos contra todos os límites coñecidos para darmos paso á celebración do arcano. E, se o pensamos detidamente, é moi emocionante… Parece que o cine estivo a canalizar unha enerxía a través de distintos artistas que o recoñecen como o medio perfecto para percibirmos a realidade dunha forma máis expandida -espiritual-. Ben Rivers e Ben Russell sábeno, búscano e explórano no seu cine. Este ciclo é unha invitación para sentirmos e compartirmos ideas sobre intuición fílmica, percepción, sensibilidade, éxtase e todos os sentimentos sen nome que vivimos mentres facemos ou vivimos a experiencia dunha película. Todo isto será revisitándomos a obra de Rivers e Russell neste marco experimental e arrebatador que contará con inducións hipnóticas para nos levar a outros estados e ampliar a nosa experiencia fílmica.
Programa 4: Alma colectiva
Conversacións e mostra dos últimos traballos en construción de Ben Rivers e Ben Russell.