Por un cine imposible. Documental e vangarda en Cuba (1959-1972)
Do 15 de novembro de 2016 ao 14 de decembro de 2016
O CGAI- Filmoteca de Galicia presenta en colaboración co Museo Reina Sofía este ciclo dedicado ao movemento documental cubano arredor da Revolución, un episodio da vangarda en América Latina decote ignorado. Unido ao pulo de mostrar unha realidade nova e repensar a función pública da imaxe, o documental en Cuba fusiona o rexistro fáctico coa estética de choque e a axitación da montaxe, producindo un manifesto visual irrepetible.
En 1959, a realidade cubana muda radicalmente co triunfo do movemento revolucionario. Unha das consecuencias na escena artística da illa é o nacemento dun novo cine en que o documental xoga un papel central. Apenas unha década despois, Julio García Espinosa, figura de referencia da produción cinematográfica, escribe un manifesto titulado Por un cine imperfecto. Nesta reflexión sobre a práctica do cine revolucionario, sostén que as imperfeccións dun cine de urxencia de baixo orzamento que busca xerar un diálogo público son preferibles ao brillo das grandes producións que simplemente anulaban e cousificaban o público. Esta tese, formulada nunha das pezas máis sobranceiras do ciclo, Tercer mundo, tercera guerra mundial, rodada en Vietnam en 1968, fica demostrada na corrente experimental que atravesa moitas outras das películas incluídas tamén no programa.
O novo documental que xorde en Cuba nos anos sesenta implica un paradoxo: é o momento da aparición das novas cámaras de 16 mm sincronizadas, que favorecen a estética revolucionaria do cine directo e do cinéma vérité nos países metropolitanos, mais non en Cuba, onde o novo instituto de cine, o ICAIC (Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos), está atoado nos 35 mm. Porén, os cineastas aprenden axiña a superar e a traballar con esas limitacións, motivados polo contexto avolto e cambiante que os rodea. A Revolución desata un frenesí de proxectos, con novos creadores que saen ás rúas entusiasmados por narraren a actualidade co que crean un terreo vizoso para un xénero en convulsión.
No núcleo deste ciclo encontramos a Santiago Álvarez, coñecido como o Dziga Vertov cubano, quen transforma decontado o Noticiero semanal do que estaba ao cargo. En lugar de mostrar unha secuencia arbitraria de elementos inconexos, úneos nun discurso político, ou convérteos en documentais monográficos, que logo continúa en filmes máis extensos. O público acode en masa a ver a súa sátira política, centrada nunha montaxe rápida e inmediata, normalmente dirixida contra o expansionismo norteamericano, precisamente nun momento en que o documental parece desaparecer das pantallas de cine metropolitanas. Álvarez tamén fai destes noticiarios unha escola para cineastas mozos, onde lles aprende a crear películas de modo veloz e barato, ao aproveitaren os materiais que houber a man. Deseguida o recurso da metraxe encontrada faise popular entre os documentalistas.
Como contrapunto a este cine, o programa inclúe unha escolma de filmes realizados en Cuba por cineastas estranxeiros chegados durante os primeiros anos da Revolución. Casos como o de Joris Ivens, que acepta afervoado un convite do ICAIC para rodar dúas películas, e outros, como Chris Marker e Agnès Varda, que rodan por decisión propia testemuños puntuais de solidariedade.
Con todo isto, búscase presentar un movemento ignorado nas historias da vangarda, mais fundacional na transformación crítica do documental nun medio que negocia cun momento histórico chave e examina os seus propios límites e posibilidades.
En colaboración co Museo Reina Sofía e a Cinemateca de Cuba.
Comisariado: Michael Chanan