Peter Whitehead
Do 1 de febreiro de 2007 ao 28 de febreiro de 2007
En colaboración co Festival Internacional de Cine de Gijón.
Documentalista dos movementos (contra)culturais e sociopolíticos dos anos 60, pioneiro da cibercultura, creador dos primeiros promos pop, perseguidor de sensacións e acontecementos, fotógrafo perspicaz e autoconsciente torrente de creatividade, evidente inspiración do personaxe de David Hemmings en “Blow Up” (1966) de Michelangelo Antonioni, novelista e mítico criador de falcóns, Peter Whitehead aparece como un dos grandes e máis descoñecidos persoeiros da Historia do cinema. Nado en Liverpool en 1937, a traxectoria propiamente novelesca e peculiar de Whitehead comeza cos seus estudos de física e cristalografía na Universidade de Cambridge, onde traballa para Francis Brick, codescubridor do ADN, mentres fai teatro e coñece tipos de talento como Syd Barrett e Ian McKellen. Logo de estudar pintura e dirección, a partir de 1964 traballa como cámara para a televisión italiana e realiza a súa primeira curta, o orixinal documental científico “The perception of life” (1964), preludio dunha intensa actividade que trazada como unha insaciable panorámica a continuación o somerxe de cheo nos convulsos sucesos da década: a guerra de Vietnam, a renovación dos espectáculos e representacións culturais en directo, o happening, os movementos de protesta, as correntes musicais máis influentes, un súmmum da intelectualidade e rupturas políticas e formais acontecidas nesta significativa etapa histórica que Whitehead capta con talento e fórmulas iconoclastas, aglutinando con habilidade as nocións de abstracción plástica, militancia, panfleto, investigación, ensaio autobiográfico, cinema pop ou psicodelia. Logo da deliberada parodia da escena londinense de “Tonite Let´s all Make Love in London” (1967), viaxa aos Estados Unidos onde roda “The fall” (1969), documento da disidencia e o fracaso das protestas legais en América do Norte que considera a súa obra máis persoal e comprometida. Ao inicio da década dos 70, Whitehead abandona o cine e pasa dez anos no Norte de África, Paquistán e o Ártico como criador de falcóns, para construír na década seguinte en Arabia Saudita o “Al Faisal Falcon Center”, o centro de cría privado máis importante do mundo, interrompido por causa da Guerra do Golfo de 1990. Novelista inspirado en moitas das súas propias experiencias, en 1998 Chris Petit dedícalle o documental “The Falconer”, onde é cualificado como “enigma do underground” e xogando coas nocións de falso documental presenta o seu relato como unha narración mitolóxica que coincide coa realidade histórica e persoal. Por fin nestes últimos anos a súa obra comeza a difundirse, sendo obxecto de disección e estima por parte de reputados historiadores e especialistas. A completa retrospectiva –chea de material inédito e na que compre subliñar a lamentable ausencia do seu traballo cos Rolling Stones “Charlie is my darling” (1966), retida polos propietarios dos dereitos- vén acompañada de dous documentais (“In the beginning was the image” e “Nothing to do with me”) que reflicten, desde diferentes momentos, o suxestivo universo deste autor agora rescatado.
Agradecementos: Peter Whitehead, Filmoteca de Catalunya, Contemporary Films (Gran Bretaña), Eric Liknaitzky, Maysles Film Institut.
![IN THE BEGINNING WAS THE IMAGE: A CONVERSATION WITH PETER WHITEHEAD IN THE BEGINNING WAS THE IMAGE: A CONVERSATION WITH PETER WHITEHEAD](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_820.jpg?itok=-6Gg20xx)
IN THE BEGINNING WAS THE IMAGE: A CONVERSATION WITH PETER WHITEHEAD
![THE PERCEPTION OF LIFE THE PERCEPTION OF LIFE](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_821.jpg?itok=9D3WEQVQ)
THE PERCEPTION OF LIFE
![WHOLLY COMMUNION WHOLLY COMMUNION](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_822.jpg?itok=N0Jwe-gj)
WHOLLY COMMUNION
![BENEFIT OF THE DOUBT BENEFIT OF THE DOUBT](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_823.jpg?itok=7Ql9-o1v)
BENEFIT OF THE DOUBT
![TONITE LET´S ALL MAKE LOVE IN LONDON TONITE LET´S ALL MAKE LOVE IN LONDON](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_824.jpg?itok=imFgKseF)
TONITE LET´S ALL MAKE LOVE IN LONDON
![DADDY DADDY](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_825.jpg?itok=yOu-viBm)
DADDY
![THE FALL THE FALL](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_826.jpg?itok=L51j-KIO)
THE FALL
![PINK FLOYD, LONDON´66-´67 PINK FLOYD, LONDON´66-´67](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_827.jpg?itok=ekQcUsQm)
PINK FLOYD, LONDON´66-´67
![NOTHING TO DO WITH ME NOTHING TO DO WITH ME](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_829.jpg?itok=QFilVgFX)
NOTHING TO DO WITH ME
![LED ZEPPELIN LIVE AT THE ROYAL ALBERT HALL LED ZEPPELIN LIVE AT THE ROYAL ALBERT HALL](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_830.jpg?itok=PSDt_w1m)
LED ZEPPELIN LIVE AT THE ROYAL ALBERT HALL
![FIRE IN THE WATER FIRE IN THE WATER](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_831.jpg?itok=k3TodQGE)
FIRE IN THE WATER
![POP FILMS POP FILMS](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_832.jpg?itok=WE7GV2k2)