A película embruxada. Mani Kaul e as figuras inconexas
Do 23 de marzo de 2021 ao 30 de abril de 2021
Sendo un cativo, Mani Kaul tomaba a súa miopía pola visión normal. Quizais por iso, desde a primeira vez que foi ver unha película con lentes non puido deixar de pensar no cine. No célebre Instituto de Cine tivo como profesor a Ritwik Ghatak, quen xunto a Robert Bresson o transformou como cineasta. A fusión do traballo de ambos fixo que comprendese que o cine debía transcender a ilustración dunha idea a prol da sensualidade, e que toda imaxe é indescritible e innomeable. Así, Kaul foi considerado o primeiro cineasta «non literario» do cine indio.
No estudo da historia, a mitoloxía ou o folclore, así coma de certas tradicións como o haiku, a música tradicional india, a alfararía ou a pintura en miniatura, Kaul atopou o seu propio modo de transpoñer ao cine a lóxica da elaboración e da dispersión. Exemplificadas na improvisación nunha soa escala propia da música raga, era capaz de transformar cada figura, particular e enigmática, nun concerto de percepcións fluídas. Contra as convencións da converxencia narrativa e as habituais construcións estruturadas, a sensación dun obxecto podía ser filmada simplemente a partir dos volumes, dos ángulos, da luz ou do contraste. Aos poucos, Kaul pasou do paradoxo da unidade ao traballo coa disxunción, e de centrar a súa atención no espazo a concentrarse no tempo.
Ademais de cineasta, Kaul foi ceramista, profesor de música e de cine e escritor.
Francisco Algarín Navarro, Gonzalo de Lucas (comisarios do ciclo)
Agradecementos: Gurudas Pai, Francisco Algarín Navarro, Gonzalo de Lucas, Gesa Knolle/Arsenal (Berlín), Marina Vinyes Albes/Filmoteca de Catalunya (Barcelona), Gloria Vilches/Xcèntric-CCCB (Barcelona).