JAMES BENNING: FILM / TIME / HD
Do 26 de marzo de 2015 ao 1 de abril de 2015
JAMES BENNING: FILM / TIME / HD
En colaboración con La Casa Encendida (Madrid).
“En 2009, o CGAI-Filmoteca de Galicia programaba en colaboración co Festival Punto de Vista e a Fundación Luís Seoane o ciclo James Benning: 13 Films, aproximación iniciática, reveladora e esencial ao traballo dese ‘órgano vital, imprescindible, obrigatorio’ dun cine norteamericano entendido como un todo, sen distincións de xéneros, clásicos ou modernos. Aquel ciclo detíñase nos que foron, apenas se intuía daquela, os seus últimos filmes en 16 milímetros, formato que defendeu e explorou dende as súas primeras películas a mediados dos anos setenta do pasado século. Benning abandonou o celuloide de forma definitiva, a prol do dixital, en 2009, coa súa película Ruhr, que ademais foi a primeira que o cineasta, -ata entón ligado á exploración das paisaxes naturais, políticas e sonoras do seu país- rodaba fóra de Estados Unidos. En tempos recentes, o CGAI programou algunhas destas películas dixitais: Small Roads, Easy Rider e Stemple Pass.
Se continuásemos coa metáfora do órgano vital, o cambio de Benning á rodaxe dixital parece ter revitalizado ese corpo vivo, expandíndoo en múltiples direccións, algunhas das cales xa estaban, dunha ou doutra forma, inscritas ou insinuadas nos seus traballos en celuloide. O máis rechamante non é a cuestión formal do encadre (do 4:3 do 16 milímetros ao 16:9 do HD), que leva implícita unha redefinición da súa relación co filmado, senón a súa explosión creativa (30 películas en 6 anos e in crescendo), e sobre todo, a ampliación do campo de experimentación: traballos de found footage con materiais extraídos de Youtube; filmes claramente políticos; investigacións coa palabra escrita; exploracións da tensión mobilidade-inmobilidade da propia imaxe, acrecentada polo estatismo da imaxe dixital; remakes e diálogos directos con clásicos dese cine norteamericano que non entende de categorías nin fronteiras (Benning revisitou-homenaxeou-reescribiu a Warhol, mais tamén a Cassavetes ou a Denis Hopper), e ata tours de force aos seus traballos paisaxísticos (os máis coñecidos, mais que non definen en absoluto o total da súa obra) nos que explora as posibilidades de expansión temporal da alta definición. Ver e escoitar... o son dos ceros e uns”.
Gonzalo de Pedro (comisario do ciclo).