Jacques Becker
Do 1 de xuño de 2006 ao 30 de xuño de 2006
En colaboración coa Alianza Francesa da Coruña e a Embaixada de Francia.
Precedido dunha significativa colaboración como axudante de Jean Renoir e procedente do cinema da etapa da fronte popular, Jacques Becker (1906-1960) é autor de 13 longametraxes (máis un filme inacabado) que estenden a súa traxectoria desde a Francia da ocupación até os primeiros estertores da Nouvelle Vague. A súa capacidade para presentar os grandes conflitos humanos e o sentido tráxico da existencia (con especial paixón pola amizade, a traizón e o amor) en medio dunha pletórica autenticidade marcan as pautas dunha escritura fílmica medida e limpa de todo exceso, composta fundamentalmente por comedias e filmes de temática criminal. Como viña a recordar Aldo Tassone son cinco os trazos básicos que definen a súa produción: discreción humana; xenerosidade e coraxe nas eleccións temáticas; estupendo e selectivo labor como director de actores; virtuoso e sutil autor de retratos femininos; posuidor dun estilo preciso, transparente –que reforza esa humildade expositiva, ese non deixarse ver como emblema característico- e froito dun proceso de depuración na posta en escena. O CGAI ofrece durante este mes de xuño unha retrospectiva formada por 8 títulos desta brillante obra.