A actriz alemá Sandra Hüller protagoniza o comezo de ano na Filmoteca de Galicia

  • A Sala José Sellier da Coruña proxecta este mes catro dos seus filmes, incluíndo ‘Anatomía de una caída’ e ‘La zona de interés’, cos que a intérprete xermana irrompeu no panorama internacional
  • A cinemateca da Xunta recibe en xaneiro a Elena López Riera para presentar o seu documental ‘Las novias del sur’ e a Javier Rebollo con ‘En la alcoba del sultán’
  • Entre os días 16 e 18, poderanse ver 26 pezas do ciclo ‘Magellan’, do cineasta experimental estadounidense Hollis Frampton
  • A finais de mes arranca unha retrospectiva dedicada ao dúo formado polo cineasta Terence Fisher e o actor Christopher Lee
A actriz alemá Sandra Hüller protagoniza o comezo de ano na Filmoteca de Galicia

A Filmoteca de Galicia arranca a súa programación de 2025 con moitas novidades na carteleira de xaneiro, na que se insiren tres novos ciclos dedicados á actriz alemá Sandra Hüller, ao cineasta experimental norteamericano Hollis Frampton e ao tándem artístico que formaron o director Terence Fisher e o actor Christopher Lee. Ao tempo, continúa na cinemateca da Xunta o especial Close-Up: Cine e perspectiva de xénero, coa visita da cineasta Elena López Riera, así como as novas proxeccións das seccións Fóra de SerieOff GaliciaFilmoteca Jr. e Materiais para unha historia do cine en Galicia.

Tras o Nadal, a Sala José Sellier da Coruña reabre mañá as súas portas para a primeira proxección do ano: Toni Erdman, de Maren Ade, primeiro dos catro títulos do especial Sandra Hüller: anatomía dunha actriz. Este foco inclúe tamén as dúas películas coas que a intérprete xermana irrompeu en 2023 no panorama internacional: Anatomía de una caída, de Justine Triet, que poderá verse os días 10 e 11, e La zona de interés, de Jonathan Glazer, os días 21 e 22. O cuarto filme do ciclo é El reflejo de Sibyl, tamén asinado por Justine Triet, con pases este mércores 8 e o xoves 9.

Xa a semana que vén, a Filmoteca de Galicia recibe a cineasta Elena López Riera como protagonista do mes no marco de Close-Up, que afonda na situación actual do cinema feito por mulleres. A realizadora valenciana estará na Coruña o martes 14 para participar nun encontro co público, previo á proxección do seu documental Las novias del sur, exhibido na Semana da Crítica de Cannes e candidato aos Goya na categoría de mellor curta documental. Ao día seguinte, a directora presentará unha nova sesión coas súas tres primeiras curtametraxes: PuebloLas vísceras e Los que desean.

Magellan, viaxe á Idade de Pedra do cine

O estadounidense Hollis Frampton é outro dos protagonistas de xaneiro, cun amplo achegamento ao seu ciclo Magellan. Baixo o comisariado de Francisco Algarín Navarro, A Idade de Pedra do cine ofrece entre o 16 e o 18 de xaneiro 26 destas películas en 16mm, cedidas pola Filmmakers’ Coop de Nova York, no que é o foco más amplo dos que se lle teñen dedicado en España e o primeiro que se celebra a nivel mundial en varias décadas.

Coincidindo coa súa mudanza a unha granxa de Eaton (Nova York), Frampton comezou en 1972 un ciclo monumental, no que traballou ata o seu pasamento en 1984. Referente do cine estrutural xunto a Michael Snow, George Landow, Ernie Gehr, Joyce Wieland ou Ken Jacobs, Frampton prolonga en Magellan as exploracións emprendidas nos seus dous proxectos anteriores.

Retrospectiva do tándem Fisher e Lee

Cara a finais de mes dará comezo outro dos novos ciclos da Filmoteca, Terence Fisher/Christopher Lee: Drácula e outros monstros, que reúne unha selección de producións dirixidas por Fisher con Lee como protagonista. O programa bota a andar con catro títulos: La maldición de Frankenstein (días 21 e 22), Drácula (días 23 e 24), La momia (días 29 e 30) e El perro de los Baskerville (día 31 e 4 de febreiro).

A través desta escolma, poderá apreciarse como o estilo de Fisher vai evolucionando desde o barroquismo de Frankenstein e do primeiro Drácula cara a unha posta en escena máis austera, á que vai desposuíndo de artificios. Este especial continuará en febreiro, mes no que tamén chegará á cinemateca galega unha completa retrospectiva sobre o cineasta catalán Pere Portabella, coa aparición do actor Christopher Lee en dous títulos, incluíndo unha nova interpretación do papel de Drácula.

Javier Rebollo en ‘Fóra de serie’

A Sala José Sellier recibe o martes 28 a visita de Javier Rebollo, quen conversará co público antes da proxección da súa última longametraxe, En la alcoba del sultán, dentro da sección Fóra de serie. Tamén no marco deste apartado, a cinemateca da Xunta de Galicia trae á Coruña filmes como Paradise is burning de Mika Gustafson (días 8 e 9), La hora de la estrella de Suzana Amaral (día 15), El último verano de Catherine Breillat (días 23 e 24) e, xa a finais de mes, con dobre sesión o 30 e 31 de xaneiro, John y el hoyo, película independente norteamericana dirixida polo ferrolán Pascual Sisto, presentada en Sundance 2021 e avalada polo festival de Cannes.

Ademais, en xaneiro continúa o ciclo gratuíto Materiais para una historia do cine en Galicia, coa proxección o día 10 de dúas fitas que nos levan á Coruña dos anos 20 do pasado século: Coruña, años 20 (1929), de Ángel Durán Villarnovo, e Galicia/Tranvías de La Coruña (1926), da Compañía de Tranvías. Tamén con entrada de balde, Filmoteca Jr. exhibirá o sábado 25 El chico, de Charles Chaplin, para público a partir dos 7 anos e idade, mentres que o día 29 se proxectará na sección Off Galicia o documental A caverna dos soños, de Víctor Barús, Javi SeGa e JERL, sobre a figura do pintor coruñés Correa Corredoira.