Isabelle Huppert (I)
Do 1 de setembro de 2006 ao 30 de setembro de 2006
En colaboración coa Alianza Francesa de A Coruña.
Actriz fundamental no desenvolvimento do cinema europeo dos últimos trinta anos, a traxectoria da francesa Isabelle Huppert vai estar presidida pola progresiva significación da súa labor interpretativa e o enorme coidado na selección dos traballos fílmicos. Dous feitos que converten a Huppert nunha desas figuras relevantes respaldadas polo seu rigor, liberdade artística e capacidade de fascinación, identificada inmediatamente con outros intérpretes localizados en Europa –pensemos nos talentos e eleccións de Piccoli, Olbrychski, Schygulla, Moreau, Ganz, Von Sydow, Volonté ou o primeiro Depardieu...-, dúctil e provista de moitas faces, nunha sucesión de xiros onde conflúen personaxes apoucadas ou directamente perturbadas, moitas veces rexistros sutiles, deliberadamente complexos. Nada en 1953 en ambientes pertencentes á burguesía parisina destaca pola súa formación (alumna de Antoine Vitez no Conservatorio Nacional, diplomada en lingua rusa, posuidora de habilidades musicais,...) e versatilidade, rápidamente comprobada tanto nos eidos teatral e televisivo como, a partires das súas primeiras aparicións, no cinema grazas a títulos como “César et Rosalie” de Claude Sautet (1972) ou en códigos máis populares “Los rompelotas” (1974) de Bertrand Blier, mentres é requerida polo veterano Otto Preminger para a fallida produción internacional “Rosebud” (1975) e por xentes como Claude Sautet, Yves Boisset ou André Techiné. Triunfa co papel da desdichada Pomme da película suiza “La encajera” (1977) de Claude Goretta (primeira das súas doce nominacións ao premio César) e obtén o galardón á mellor actriz en Cannes por “Violette Nozière” (1978) de Claude Chabrol, outro maxistral retrato dun personaxe vulnerable. Intervén nun dos filmes artística e industrialmente claves do cinema estadounidense do momento, “La puerta del cielo” (1980), relato antiépico construido sobre os moldes do western que arruina a United Artists, retira de circulación ao cineasta Michael Cimino e transforma a concepción e novos rumbos do negocio cinematográfico. Inmune a tales feridas, Huppert, que volverá a traballar no cine norteamericano en producións máis modestas como “Falso testigo” (1987) de Curtis Hanson ou “Amateur” (1994) de Hal Hartley, prosegue o seu brillante itinerario ao servicio de autores de prestixio como Godard, Pialat, Ferrreri, Losey, Wajda, Assayas, Haneke ou os irmáns Taviani. Uha prolongada colaboración con Claude Chabrol permitiralle dar corpo a algo que atinadamente describira Bertrand Tavernier (presente dende os seus inicios a través de títulos como “El juez y el asesino” (1975) e logo “Coup de Torchon” (1981): “Isabelle Huppert imponse á película de maneira estraña e curiosa. É unha actriz eminentemente melódica. Imprime as escenas nas que intervén un ritmo case musical, cheo de silencios e emoción, do que se desprende, sen embargo, unha sensación dura e cortante, case de perigo. É imposible esquecerse de ela”.
Durante os meses de setembro e outubro o CGAI ofrece unha selección dalgúns dos seus mellores traballos.