Off Galicia: NCG10
Do 11 de xaneiro de 2020 ao 22 de febreiro de 2020
Celebramos unha década do xurdimento do Novo Cinema Galego. Foi esta a comezos de 2010 unha denominación que naceu con afán construtivo -antes posta en valor que en confrontación con outras fórmulas -e suma eficacia polo eco obtido. O desenvolvemento da etiqueta, que foi cobrando peso desde daquela, avalada por óptimos resultados artísticos, adquire na historia recente do cine producido en Galicia un protagonismo -un sentido de difusión, de riqueza artística-, que chega deica hoxe.
Unha vez pasado o tempo, moitos continúan a preguntarse que hai de novo neste novo cine. A asunción de riscos, a certeza de que non hai máis límites para facer arte que os do talento que se posúa, a vontade de participar nos debates estéticos que sacoden o cine no resto do planeta provocando obras en moitos casos innovadoras, que non chega tarde, que se suma ás tendencias e correntes creativas en tempo presente. Un artigo do escritor cinematográfico Martin Pawley datado o 2 de xaneiro de 2010 inauguraba a etiqueta, despois amplamente difundida a través do blog Acto de Primavera. Un punto de inflexión inmediato, o éxito do filme Todos vós sodes capitáns na Quincena de Realizadores de Cannes 2010, co seu director, Óliver Laxe, convertido no único cineasta representante español no festival, manifestaba a existencia desta nova xeración de creadores cinematográficos. Comézase a falar de obras con repercusión fóranea, feitas á marxe da industria por un grupo heteroxéneo de autores (novos, mais con figuras pioneiras previas), con intereses e actitudes diversas. Autores que rachan con fórmulas industriais, que apostan por outras formas nun momento de cambio de paradigma, de mutación global. Exercen a hibridación de xéneros e formatos, do material encontrado ao documental de creación, do cine-ensaio ás exploracións autobiográficas. O eclecticismo formativo, a creación de abondosas sinerxias ou o papel protagonista dos festivais forman parte do seu ADN, que lanza nomes (sen ánimo exhaustivo) como os de Alberte Pagán, Óliver Laxe, Peque Varela, Eloy Enciso, Xurxo Chirro, Lois Patiño, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Marcos Nine, Ángel Santos, Lara Bacelo, Ramiro Ledo ou o dúo WeAReQQ .
Unha enquisa realizada entre os principais especialistas galegos en cine pola revista Luzes en 2014 proporcionaba singulares resultados. Vikingland, Todos vós sodes capitáns, Bs.As., Arraianos ou Costa da Morte presidían a listaxe. Pezas todas que, a diferentes escalas, recibiron certa consideración xeneralizada entendidas como títulos exploratorios, apuntes iconoclastas ou exemplo de novas narrativas, capaces de circular mundo adiante polo prestixioso circuíto de festivais contemporáneo. Traballos que perfilan un momento en que os avances e a democratización determinan mutacións. Cambios globais e novos axentes.
Novembro de 1989 marcara un primeiro paso oficial, coa estrea das primeiras longametraxes galegas en 35 milímetros, Continental de Xavier Villaverde, Urxa de Carlos Aurelio López Piñeiro e Alfredo García Pinal e Sempre Xonxa de Chano Piñeiro. A partir dese momento, amplamente difundido polos medios e a historiografía, comeza a agromar de modo máis diáfano e estratéxico o que acabaría por desenvolverse ao longo dos anos 90: un cine realizado desde Galicia con pretensións en boa medida industriais que axiña había conseguir cifras tan elocuentes coma as 27 longas de produción no período 1997-2002. O apoio da administración pública e o simultáneo nacemento de institucións e centros de formación, escolas e facultades, acreditaban un esperanzador, novidoso e progresivo estado da cuestión. A denominación NCG veu sumarse a isto contribuíndo con outros elementos. Moitos deles continúan en circulación, perfeccionando ou mellorando, ampliando o catálogo de formas e propostas da nosa cinematografía. A eles ha atender nos próximos meses esta parte da programación do CGAI, que comezará polos traballos previos de dúas figuras clave, Óliver Laxe e Alberte Pagán.