
Frans van de Staak. A palabra en arquipélago
Do 3 de abril de 2025 ao 10 de abril de 2025
Partindo dun traballo radical con textos máis ou menos anacrónicos que van de Staak actualiza mediante a lectura en espazos públicos, as súas películas explorarán sempre a oralidade como materia en ficcións humorísticas marcadas por narracións ambiguas, estruturas reiterativas e ámbitos de linguaxe que problematizan a expresión da interioridade humana. Desde os textos de Spinoza, Hubert Poot, Daudet e Wallace Stevens ás frases feitas da linguaxe ordinaria, a inflexión dunha voz ou a maneira de se atar os cordóns dun zapato, van de Staak illa e reinterpreta a sensualidade dos signos propios da vida moderna.
Frans van de Staak naceu en Ámsterdam en 1943, nunha familia traballadora. A principios dos anos 60 iniciouse como pintor e gravador autodidacta, actividade que mantería ata o final da súa vida. Grazas ao sistema público de apoio aos artistas plásticos entón vixente en Países Baixos, logrou reservar de maneira regular para a produción das súas películas a maior parte do subsidio que recibía como artista. A obra de van de Staak manteríase sempre artesanal na súa fabricación —películas realizadas en 16 mm, con equipos pequenos, material propio e, durante unha boa parte da súa carreira, actores non profesionais— pero radicalmente especulativa na súa forma.
O seu cinema explora formas de colaboración horizontal que atravesan o seu traballo con intérpretes e elencos corais e, ocasionalmente, escritores experimentais como Lidy van Marissing e Jacq Firmin Vogelaar; pero tamén con operadores de cámara, sonidistas e montadores; ou con músicos como Bernard Hunnekink, Leo Cuypers e Ton Bruynèl. Cada unha das súas películas define unha estrutura xenerativa que precipita un proceso entre o regrado —o texto, os intérpretes, as normas de filmación— e a acracia —a irrupción do inesperado—. A súa poética emerxe dun estudado desamaño entre o espontáneo e o predeterminado.
Admirado por cineastas contemporáneos como Johan van der Keuken, Danièle Huillet e Jean-Marie Straub, quen o consideraba un elo perdido na historia do cinema, Frans van de Staak apenas recibiu atención internacional antes ou despois da súa morte en 2001. Punto de Vista pretende dar un impulso ao coñecemento deste cineasta esencial mediante un foco que mostra once das súas vinte e cinco películas e a publicación en edición bilingüe da primeira monografía sobre a súa obra.
Programación e textos de Carlos Saldaña e Manuel Asín.
Programa itinerante do festival Punto de Vista. Copias facilitadas por Eye Filmmuseum Amsterdam. Coa colaboración da Embaixada dos Países Baixos.

Presentación do ciclo 'Frans van de Staak. A palabra en arquipélago'

Sepio

Frans van de Staak. Programa 2.

Frans van de Staak. Programa 3.

Frans van de Staak. Programa 4.

Frans van de Staak. Programa 5.
